Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A vida e loita de Valentín Paz-Andrade, nomeado para as Letras Galegas 2012, por Tucho Calvo no IEM.

A vida e loita de Valentín Paz-Andrade, nomeado para as Letras Galegas 2012, por Tucho Calvo no IEM.

Correo-e Imprimir PDF
tucho-calvo-libro

O Instituto de Estudos Miñoranos inicia as súas actividades en torno a Valentín Paz-Andrade (1898-1987), a figura que a Real Academia Galega consagrou o Día das Letras Galegas 2012, coa presentación do libro Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX, do xornalista, editor e escritor Tucho Calvo. O evento terá lugar este venres 27 de xaneiro ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas . Ademais do autor da obra, o acto contará coa presenza do fillo de Valentín Paz-Andrade e veciño de Gondomar, Alfonso Paz-Andrade e será presentado pola escritora e membro da Xunta de Goberno do IEM Marta Dacosta.

 

A obra

Valentín Paz-Andrade, a memoria do século XX , nace a partir dunha entrevista de Tucho Calvo a Valentín Paz-Andrade a comezos dos anos oitenta, na súa casa de Pousa Nova do Mar, a carón da praia viguesa de Samil.

Co fío dese faladoiro, o autor narra as vivencias de quen tivo unha presenza sobranceira non só na política galega, senón tamén na cultura e no mundo empresarial: viaxeiro incansable que mantivo vivas as relacións co exilio galego; poeta, avogado e xornalista que dirixiu nos anos vinte o diario Galicia e, deica a súa morte, a que hoxe é decana mundial das revistas do sector pesqueiro, Industrias Pesqueras; impulsor de Pescanova; técnico da F.A.O. Paz-Andrade foi perseguido e represaliado na posguerra; membro da "Comisión de los diez" que negociou a transición co Goberno da UCD e senador por Pontevedra nas Cortes Constituíntes.

O libro a presentar trátase dunha reedición, corrixida e aumentada, editado nesta ocasión por Biblos, a editorial que dirixe o propio Tucho Calvo.