Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Narrativa contemporánea francesa na sesión de decembro do club Sete Vidas en Gondomar.

Narrativa contemporánea francesa na sesión de decembro do club Sete Vidas en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
librosrlinh

Este martes 13 celébrase a sesión de decembro do club Sete Vidas da Asociación Espazo Lectura, centrada na novela A neta do señor Linh (Rinoceronte, 2010), do autor francés e guionista de cine e televisión Philippe Claudel. A cita será a partir das 20.00 horas na Biblioteca Municipal de Gondomar. A tradutora da novela ao galego, Isabel García Fernández, achegarase á biblioteca a partir das 21:00 horas para falar cos lectores e lectoras.

 

O libro

Dúas soidades que se xuntan. Un vello, o señor Linh, que abandona o seu país fuxindo da guerra e levando nos brazos a súa neta, único motivo polo que viaxa cara a unha terra hostil da que descoñece a lingua e os costumes. E un home só, o señor Bark, que vive decote sumido nas súas lembranzas.

O día a día do protagonista mostra unha experiencia de soidade, desarraigo e illamento, unha realidade crúa, pero é tamén un canto á tolerancia, ao respecto e á esperanza a través da amizade.

O autor

Philippe Claudel naceu en 1962 en Dombasle-sur-Meuthe (Francia). No seu labor como docente, impartiu clases no ensino secundario e superior e tamén no cárcere. É autor de varias novelas, pero entre as súas obras figuran tamén relatos, guións de cine e televisión, ensaios e teatro.

Entre outros galardóns, recibiu o premio Renaudot pola novela As almas grises e o Premio Goncourt des Lycéens por O informe Brodeck. É guionista e director da película Hai moito tempo que te quero, que obtivo o Cesar á mellor ópera prima no ano 2009.