Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Entrega do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns na escola de Guillufe.

Entrega do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns na escola de Guillufe.

Correo-e Imprimir PDF
cartaz entrega_premio_taibo

 

O vindeiro sábado 12 de novembro o poeta pontevedrés  Carlos Solla, será galardoado coa entrega do IV Premio de Poesía Victoriano Taibo - Entidade Local de Morgadáns, pola súa obra Holocausto Zacoe.  O autor recibirá como premio unha escultura do artista miñorá Fino Lorenzo, 3.000 euros en metálico e a edición da súa obra. O acto terá lugar na Escola de Guillufe  en Morgadáns, ás 19 horas e é aberta ao público.

O premio.

O certame xestionado polo Instituto de Estudos Miñoranos e sufragado pola Entidade Local Menor de Morgadáns  foi instituído en memoria do poeta, académico e mestre de Morgadáns, Victoriano Taibo. No acto, que será presentado pola escritora Marta Dacosta presentárase tamén o libro premiado e estará animado polo grupo de gaitas "Balcón do Miñor", de Morgadáns.

Miguel Anxo Mouriño recordará a figura de Victoriano Taibo. Carlos Solla  dará lectura a fragmentos do seu poemario, despois de que o profesor Gonzalo Navaza dea lectura á acta do xurado e antes de que o director do IEM, Carlos Méixome, o Presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode e o alcalde de Gondomar, Fernando Guitián, procedan á clausura do acto.

O fallo do xurado.

O fallo desta IV edición do premio produciuse o pasado oito de setembro de 2011 por un xurado formado por Gonzalo Navaza Blanco, profesor e escritor, membro do IEM; Marta Dacosta Alonso, poeta e profesora, membro do IEM; Silvia Penas Estévez, poeta e cogañadora da segunda edición deste premio; a poeta e gañadora da terceira edición Goretti Fariña Caamaño e o escritor e mestre Miguel Anxo Mouriño Fernández, membro do IEM,  e no que actuou como secretario (sen voto) en representación do IEM, Carlos Méixome Quinteiro baixo a presidencia  do Presidente da Entidade Local de Morgadáns, Urbano Esmerode Domínguez (sen voto).

A obra.

O xurado valorou a unidade e a elección temática do orixinal. O libro é unha alegoría sobre a situación do idioma e da identidade do pobo galego. A ironía e o humor son os recursos fundamentais para esquivar o desacougo tráxico que os poemas nos relatan, pois malia o sorriso que conseguen debuxar en nós, non podemos ignorar a realidade negativa dos seus enunciados. Holocausto Zacoe é a demostración de que a poesía é divertimento e mensaxe, un medio para reflexionar e concienciarse da realidade que nos rodea.

O autor.

CARLOS SOLLA VARELA (Pontevedra, 1971), tamén coñecido  como Calros Solla, é escritor e profesor e activo membro da asociación cultural e ecoloxista  Verbo Xido da Terra de Montes. Ten publicado:

 Ras e tritongos (antoloxía poética, 2003) que inclúe Xábregho (1999), Mel de arañas (2000)e Terras raras (2001)

 Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral (ensaio, 2002)

 Cerdedo na obra do Padre Sarmiento (ensaio, 2002)

 Cerdedo in the Voyager I (poesía visual, 2004)

 Libro de reclamacións (poesía visual, 2005)

 Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (ensaio, 2005)

 Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (ensaio, 2007)

 reGaliza e outras chuches (retrónicas, 2008)

 Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos (ensaio, 2008)

 Kovi Kavuto. Lume de ollos en MazinGZ, premio Johan Carballeira 2010.

Parte da súa obra está publicada en revistas (como Verbo Xido), e libros colectivos, como Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa (2000), Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (2005), Poesía contemporánea: Tabeirós-Terra de Montes (2005), Pontevedra literaria (2007) ou Polifonías II. Voces poéticas contra a violencia de xénero (2007).

As edicións anteriores do premio.

Os premios anteriores recaeron en  Carlos Negro por Cultivos Transxénicos (2008); Mª Carmen Caramés por Cuarto Minguante e Elvira Riveiro e Silvia Penas por Biografía da Multitude (2009) e en Goretti Fariña por Devastacións dispoñibles (2010)

Na realización deste acto colaboran tamén as empresas AGUA SANA e Adegas Val Miñor que permiten que ao seu remate se lles poida ofrecer un albaroque aos asistentes.