Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Os míticos sonidistas do rock Tony Platt, Phill Brown e Gil Norton impartirán un curso en San Simón.

Os míticos sonidistas do rock Tony Platt, Phill Brown e Gil Norton impartirán un curso en San Simón.

Correo-e Imprimir PDF
Os sonidistas Phill Brown, Gil Norton e Tony Platt impartirán un curso na illa de San Simón

- Un total de 30 produtores de son galegos participan en San Simón no curso 'Históricos do Rock' que organiza a Agadic.

-No encontro exercen como mestres Tony Platt, Phill Brown e Gil Norton, procedentes de bandas como AC/DC, Bob Marley, The Who ou Joe Cocker.

Un total de 30 profesionais participan a partir de mañá 19 de outubro e ata o vindeiro día 21 no curso de produción musical “Históricos do Rock” que a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a empresa DotBeat organizan na illa de San Simón (Ría de Vigo, Redondela). O título desta iniciativa formativa, que por primeira vez se desenvolve en Galicia, fai referencia ao trío de profesores que imparten as clases, integrado por Tony Platt, Phill Brown e Gil Norton, figuras xa míticas dentro do sector, responsables da produción de son de bandas e artistas internacionais como AC/DC, Bob Marley, The Who, Steve Winwood, Jimi Hendrix, Joe Cocker, Leonard Cohen, The Pixies ou Foo Fighters.

O curso, que levantou grande expectativa entre os interesados, esgotou as 30 prazas dispoñibles nas súas dúas modadidades, segundo se pernocte ou non na illa. A meirande parte dos participantes realizan o seu labor en Galicia, aínda que tamén se inscribiron alumnos procedentes de Portugal de doutros puntos de España. O perfil dos asistentes responde ao de técnicos de son en activo e compositores ou intérpretes musicais que adoitan autoproducir os seus propios traballos discográficos.

Tony Platt, Phill Brown e Gil Norton, tres dos produtores máis relevantes dos últimos tempos a nivel mundial, ofrecerán leccións maxistrais e charlas sobre os seus particulares puntos de vista técnicos; ademais de demostracións prácticas de resultados acadados. As clases desenvolveranse en horario de 10:00 a 14:00 e de 15:00 a 18:00 horas e estarán impartidas cada día por un dos mestres.

Así, o 19 de outubro Phill Brown falará das súas experiencias de traballo con Led Zeppelin; o día 20 será o turno de Tony Platt, que explicará o proceso de gravación e produción de discos tan emblemáticos como Highway to hell, de AC/DC; e o último día será Gil Norton quen abordará a dinámica emprendida no mesmo ámbito con Foo Fighters.

Entre os contidos xerais curso están -ademais dos proceso de gravación dalgúns dos discos míticos da historia do rock da man dos seus produtores- cuestións máis técnicas e específicas como a análise de gravacións no sistema 4/8/16/24 para afondar na realización destes discos, as mostras de premesturas e stems de temas, o estado da produción actual ou a influencia das novas tecnoloxías na creación musical.

Phil Brown

Produtor e enxeñeiro de son, comezou a súa carreira nos estudios Olympic, onde traballou con artistas coomo Jimi Hendrix, Joe Cocker, Leonard Cohen, Procul Harem, The Rolling Stones, Steve Miller Band, T- Rex, Traffic, entre outros Como enxeñeiro xefe de Island Studios, traballou con Cat Stevens, David Bowie, Jeff Beck, Joni Mitchel, America Bryan Ferry, The Kinks, Led Zeppelin, Bob Marley & The Wailers, Pink Floyd, Brian Eno, etc. Posteriormente, e xa como freelance, produciu a Steve Winwood, Talk Talk, Robert Palmer, Roxy Music, etc.

Tony Platt

Enxeñeiro e produtor musical, ten traballado con bandas e artistas da talla de AC/DC, Iron Maiden, Motorhead, Gary Moore, The Cult, Bob Marley, Cheap Trick Durante a súa etapa nos míticos estudios Island tivo tamén a oportunidade de traballar con Traffic, The Who, Rolling Stones, Led Zeppelin, Paul McCartney, Thin Lizzy e Stranglers, entre outros.

Gil Norton

Comezou a súa carreira nos estudios Amazon de Liverpool, converténdose nestas últimas dúas décadas nun produtor de fama internacional. Produtor da banda de rock alternativo “The Pixies” en varios dos seus discos, ten traballado tamén con Foo Fighters, Counting Crows, Del Amitri, Patti Smith, China Crisis, etc.