Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Un libro miñorano coa nova historiografía galega interpela mitos vencellados na memoria colectiva.

Un libro miñorano coa nova historiografía galega interpela mitos vencellados na memoria colectiva.

Correo-e Imprimir PDF
portada-libro-1-centenario

“O tópico da memoria vivida, case convertido en mito, explica Galicia, rural e ocupada na agricultura, só como espazo de atraso económico e inmutabilidade social.” (...)“A conciencia de atraso e miseria, alén dunha memoria vivida, foi construída nos anos sesenta sobre dous piares: o esquecemento do pasado anterior a 1936 e a realidade dun agro empobrecido, identificado coas fontes do atraso”. Lourenzo Fernández Prieto en Emigración e Educación (1909-1936), IEM, 2011.

Un conxunto de recentes estudos que analizan os aspectos social, económico, cultural e político de Galicia no contexto da educación, entre os anos 1900 e 1936, poñen en tela de xuízo a crenza de que o país estivo afastada do proceso modernizador que abranguía daquela a meirande parte do mundo. “A Historia expropiouna a Dictadura”, afirma Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, nun dos artigos contidos no libro Actas do Congreso Emigración e Educación (1900-1936) I Centenario das Escolas da Unión Hispano-Americana Valle Miñor (1909-2009), editado polo Instituto de Estudos Miñoranos.

O autor sinala unha serie de interpretacións xurdidas nos anos 60 do século pasado, coas que instalouse a imaxe dunha Galicia vencellada historicamente ao atraso e estancamento social:

-”Demograficamente: Galicia converteuse nos anos 60 no país dos inmigrantes pobres que seguían saíndo despois de 100 anos de emigración continua.”

-”Economicamente: no país do atraso agrario.”

-”Culturalmente: no dos ignorantes que seguían falando maioritariamente galego.”

-”Antropoloxicamente: volvemos ser país de meigas e morriña.”

-”Politicamente: no territorio “nacional” dos que fixeron a guerra de Franco.”

Nembargante, unha nova mirada do proceso de emigración galega e a súa pegada no período histórico da Restauración, ata o golpe de estado de 1936, co auxilio de fontes estatísticas dese período, revelan unha Galicia florecente, onde as novas tecnoloxías achegadas alén do mar, irrompen na vida económica, cultural e cotiá. O que permite que Galicia medre no eido produtivo e demográfico moi por riba co respecto á media española nese período. Pero non só iso, o pulo democratizador das novas sociedades americanas, onde viven miles de galegos que non perderon o seu vínculo coa terra nai, permite o xurdimento o dinamización de novas e vellas fórmulas de participación social: ensino laico, sociedades agrarias, sindicatos, ideoloxías, e múltiples espazos de participación cidadá.

Neste libro, onde Xosé Malheiro Gutiérrez (Universidade da Coruña), é o encargado de coordinar máis de vinte pescudas de recente data, o artigo de apertura de Fernández Prieto alerta sobre “O descoñecemento do pasado anterior á guerra”, mais salienta que “Ao longo das últimas décadas a investigación histórica teno remediado”. A afirmación atinxe ás diversas achegas recentes, que por exemplo informan que para este período no eido rural o crecemento na produción agrícola e gandeira medra ao dobre que o resto de España, incluídas zonas como Cataluña e Navarra, só similar daquela ao caso das Baleares.

A chave deste proceso estaría nas migracións, as que para o historiador Ramón Villares Paz, lonxe de ser un efecto desbastador, xera nestas datas un ida e volta permanente de persoas e información. Máquinas de mallar, millos híbridos, patacas, a raza rubia vacúa, o agrarismo, comezan a convivir co “arado romano” e o poder da Igrexa. Expándense as cidades galegas, as que a carón da industrialización e dos miles de retornados, tamén reciben as achegas das grandes urbes americanas e europeas. “Estas son as cidades que coñecen e logo tentan construír en Galicia tanto nos edificios como nas formas sociais ou tecnolóxicas; por mais que os materiais e os canteiros sexan de aquí, os planos tráenos no baúl nos barcos que volven”, sinala Fernández Prieto.

Esta Galicia “agochada” da pre-guerra, tamén amosa un novo papel desenvolvido pola morriña. Un sentimento que embargaba aos “de alá”, pero creado polos “que quedaron na terra” para que os que marcharan non “esquezan a casa que os botou fóra e lles pagou a viaxe”.

Os máis de vinte artigos recollidos na obra, non só amosan novas ferramentas para reinterpretar a historia senón que tamén achegan claves para valorar de outro xeito a realidade presente.