Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Convenio marco afonda a posta en valor do patrimonio do monte comunal de Couso.

Convenio marco afonda a posta en valor do patrimonio do monte comunal de Couso.

Correo-e Imprimir PDF
Xosé Antón Araúxo Rodríguez (CMC) e Carlos Méixome (IEM) na firma do convenio.

A conservación, estudo e posta en valor do patrimonio cultural do monte comunal da parroquia de Couso (Gondomar) foi obxecto dun convenio marco celebrado entre o Instituto de Estudos Miñoranos e a Comunidade de Montes de Couso. Xosé Antón Araúxo Rodríguez (CMC) e Carlos Méixome (IEM) anunciaron a planificación e organización de visitas guiadas e outras actividades a prol da divulgación do patrimonio arqueolóxico, construído, natural e inmaterial que agocha esta zona do Val Miñor.

O acordo, que confirma unha colaboración entre ambas institucións que xa ven de hai tempo, inclúe o asesoramento do IEM en materia de accións que poidan afectar aos recursos patrimoniais do monte comunal, ao mesmo tempo a Comunidade de Montes comprométese a achegar o permisos necesarios para as intervencións pertinentes.

Os asinantes do convenio informaron que ambas institucións xa colaboraron no traballo de campo de recollida da toponimia que se completará no futuro cun estudo dos topónimos e no deseño do roteiro denominado "Os muíños de Couso" e dos que xa se teñen realizado diversas visitas guiadas. En datas próximas inaugurarase un novo roteiro arqueolóxico polo monte de Couso. Así mesmo ambas institucións están a colaborar na posta en marcha de dous novos proxectos, un de ecoturismo e na restauración dos muíños e unha ponte para os que a Comunidade de Montes ten solicitado axudas a diversos organismos.