Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura 55 proxectos audiovisuais galegos serán apoiados con subvencións da Agadic .

55 proxectos audiovisuais galegos serán apoiados con subvencións da Agadic .

Correo-e Imprimir PDF
autor_cine.jpg_1306973099

.A Agadic subvenciona 55 proxectos audiovisuais cun total de 674.000 euros.

.Diríxense á promoción do talento audiovisual, á produción de curtametraxes e ao desenvolvemento de novos proxectos fílmicos e de contidos interactivos.

.Un total de 49 produtoras e creadores individuais benefícianse destas axudas.


Un total de 55 proxectos audiovisuais galegos presentados por 49 produtoras independentes e creadores individuais recibirán o apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) por un importe global de 674.097 euros, adxudicados a través de catro das cinco liñas de subvención ao sector audiovisual galego convocadas este ano 2011 pola entidade da Consellería de Cultura e Turismo.

Desta contía total, 209.239 euros destínanse ao desenvolvemento e produción de 13 proxectos de contidos dixitais interactivos, 199.879 euros a 14 propostas de traballo previo cara á realización de novas obras audiovisuais en lingua galega, 149.992 euros a 18 novos creadores galegos para a escrita de guións e a produción de curtametraxes e longametraxes en soporte dixital, así como de curtas experimentais, e 114.988 a 10 empresas para a produción de curtametraxes e de videoclips.

Este programa anual de axudas ao audiovisual completarase coa próxima resolución da convocatoria dirixida á produción e coprodución de longametraxes en galego, á que se destina un crédito de 2,9 millóns de euros.

Preparación de novos filmes
Un total de 14 produtoras galegas benefícianse este ano das subvencións para o desenvolvemento doutros tantos proxectos audiovisuais nas súas diferentes modalidades, de xeito que se apoia a preparación de nove novas longametraxes de ficción(Limpeza de sangue de Filmanova Invest, O pai de Adivina Producciones, Trazo de xiz de Abano Producións, Prisciliano, o último cristian de Formateo, Rosalía de O Raio Verde Medios Dixitais, Welcome to Harmony de Vaca Films, Cruceiros de Frida Films, Las altas presiones de Matriuska Producciones e Máximo de Xamalú Filmes), dúas longas documentais (Bailadela de Ficción Producciones e Grupo Nove de Esmerarte Servicios Artísticos), outras dúas películas para televisión(Don Necesario de Producións A Fonsagrada e Lobos sucios de Continental Producciones) e un piloto de serie de animación (Atlas do Planeta Mincha de Mondotropo).

O obxectivo desta liña de axuda é fomentar unha das fases esenciais na realización de calquera obra audiovisual, entendendo por “desenvolvemento de proxectos” o conxunto de operacións previas aos procesos de pre-produción e produción: adquisición de dereitos, traballo de investigación, escrita e análise de guión, selección do equipo artístico e técnico, preparación do orzamento estimado e procura de socios, entre outras actividades.

Creadores emerxentes
No que respecta ás subvencións ao talento audiovisual, a contía total outorgada distribúese en catro modalidades de proxectos a través das que se busca favorecer tanto a emerxencia de novos creadores como aquelas propostas enmarcadas nas novas estéticas narrativas ou experimentais. Así, a través desta liña axudarase a financiar a escrita de tres guións propostos por Gonzalo García Velasco, Xoán Escudero e Breogán Riveiro; así como a produción de cinco curtametraxes en soporte dixital asinados por Jesús Rey Roca, Juan José Varela Abeledo, Pablo López Ouzón, Susana Martínez de la Riva e Sonia Méndez Alonso; cinco curtas experimentais presentadas por Oliver Laxe, Xacio Rodríguez, Amaya González, Pablo Millán e Ángel Santos; e outras tantas longametraxes en soporte dixital a cargo de Lois Patiño, Xosé Alberte Pagán, Pablo Cayuela, Alexandre Cancelo e Alberto García Hermida.

Ademais, un total de nove produtoras independentes galegas recibirán o apoio económico da Agadic para levar a cabo dez producións audiovisuais de metraxe reducida, das que dúas son curtametraxes en soporte cinematográfico (Ínsula de Filmika Galaika e La zanja de Producciones Vigo), dúas en soporte dixital (Rip Rip Hurra de Hachedevisual e Eixos de Fungo), tres de animación en cine (Morti de Continetal Producciones, Cousas de meigas de Firmist Animación e O xigante de Abano Producións) e outros tres, videoclips (Barca bela de Miguel de la Peña, Alalá do vikingo de Sons Galiza e Shame on us de Hachedevisual).

Por último, ás subvencións para contidos dixitais e interactivos para internet, televisión, videoxogos e móbiles distribúense entre cinco propostas de desenvolvemento presentadas por Interacción CIM, A Navalla Suíza, Mondotropo, Mr. Misto Films e Impulso TV e oito de produción a cargo de Editorial Galaxia, Redenasa TV, Editora OQO, Airapro, Vía Láctea Films, New Gravity Laws e Xamalú Filmes.

A listaxe de beneficiarios e contías outorgadas a través destas catro convocatorias está dispoñible para a súa descarga na páxina web da Agadic: www.agadic.info/axudas