Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A segunda edición de Vigo Transforma incluirá o primeiro Foro Internacional de Festivais Musicais

A segunda edición de Vigo Transforma incluirá o primeiro Foro Internacional de Festivais Musicais

Correo-e Imprimir PDF
festival-vigo-transforma-2011-1

Os próximos días 29 e 30 de xuño, e dentro da programación do Festival Vigo Transforma, terá lugar o primeiro Foro Internacional de Festivais Musicais, que se celebrará na súa primeira xornada en San Simón, a Illa do Pensamento, na Ría de Vigo e na Estación Marítima do Porto de Vigo na segunda. Esta segunda edición de Vigo Transforma, que terá lugar entre o 23 de xuño e o 2 de xullo, conta co apoio da Xunta de Galicia e está incluída no Ano da Música 2011.

Este foro reunirá a un grupo formado por destacados profesionais do deseño, produción e programación de grandes festivais de música tanto de América como de España, referentes internacionalmente pola notoriedade das súas marcas, a calidade das súas ofertas musicais, a envergadura das súas producións e o impacto socioeconómico en cada un dos seus territorios. Nel daranse cita representantes de festivais como South By Southwest SXSW (Estados Unidos), Vive Latino (México), Mapa de todos (Brasil), Verde de Cultura Musical (Panamá), e diferentes promotoras/produtoras de espectáculos musicais de América, así como representantes de asociacións sectoriais como Abrafin (Brasil). Tamén participarán representantes de empresas que apoian activamente estes eventos musicais como parte da súa política cultural e a súa estratexia de mercadotecnia, como Petrobras ou Vivo en Brasil.

Este foro constará dunha primeira xornada na Illa do Pensamento, o día 29 de xuño, aberta á participación de profesionais do sector musical, que poden solicitar información a Esmerarte Servizos Artísticos, a través da dirección de correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo . As empresas musicais galegas asociadas a AGEM (Asociación Galega de Empresas Musicais) tamén poden xestionar a súa participación e solicitar información a través da asociación, na dirección de correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo . O día 30 de xuño terá lugar un acto de clausura, aberto ao público e medios de comunicación, na Estación Marítima do Porto de Vigo, no que se presentarán as conclusións do encontro.

Esta iniciativa forma parte da segunda edición do Festival Vigo Transforma. Con dous espazos para a música, a programación musical centrarase nos días 30 de xuño e 1 e 2 de xullo. Os concertos, ao igual que na primeira edición, compleméntanse cunha programación alternativa centrada en instalacións artísticas repartidas pola cidade.