Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Tertulia do IEM con Manuel Caamaño

Tertulia do IEM con Manuel Caamaño

Correo-e Imprimir PDF
O venres 1 de febreiro de 2008 terá lugar unha nova TERTULIA DO IEM. Nesta ocasión estará con nós o arquitecto técnico, ex profesor da Escola de Arquitectura da Coruña e especialista en arquitectura popular MANUEL CAAMAÑO que será presentada pola catedrática da Universidade de Vigo e membro do IEM CAMIÑO NOIA Como é costume este faladoiro do IEM terá lugar no Pazo da Escola de Mañufe, Gondomar e dará comezo ás 20:30h.

Ao remate do faladoiro, aberto ao público en xeral, haberá unha cea co noso convidado que terá lugar no mesmo PAZO DA ESCOLA de Mañufe, Gondomar. Para asistir á mesma e dado o limite de prazas compre facer a reserva correspondente ben no 680 644 490

 

Manuel Caamaño (Noia, 1936)

      Titulou como arquitecto técnico na Escola Politécnica de Barcelona. Traballou nas constructoras “Agromán” (1956-62) e “Dragados y Construcciones” (1963-98). Simultaneamente exerceu a docencia (1975-2000) na Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Coruña, impartindo as materias de “Construccións tradicionais galegas” e “Restauración e reutilización de edificios”, ao tempo que dirixiu máis de douscentos proxectos de fin de carreira de 1987 a 2003. Foi vicesecretario del Centro Galego de Barcelona (1958-62), presidente da Agrupación Cultural “O Facho” da Coruña (1966-79), conselleiro das editoriais GALAXIA (1972-86) e SEPI (1969-75), promotor e presidente de ESCOLA ABERTA (1978-86) e membro fundador de ADEGA en 1976, da Fundación Castelao en 1983 e das revistas “Teima” e “Tempos Novos”, en 1976 y 1997, respectivamente. Nos años 1970 y 1980 colaborou asiduamente en La Voz de Galicia.

      Na actualidade, é secretario da xunta reitora del Museo do Pobo Galego e do seu padroado, membro da Fundación Pedrón de Ouro e do Consello Social da Universidade da Coruña, designado polo Parlamento de Galicia.

      Ten publicado:

  • Pro e contra da liturxia en galego. Historia dunha polémica, en colaboración con X.M. Rodríguez Pampín (SEPI, 1980)
  • Sobre Galicia como responsabilidade (Edicións do Castro, 1988)
  • A casa-vivenda,  tomo XXIII do Proxecto Galicia de Hércules Edicións (A Coruña, 1997),
  • As construccións adxectivas (Cadernos del Museo do Pobo Galego, números 8 e 9, Santiago de Compostela, 1999
  • As construccións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia (Consello Galego de Colexios de Aparelladores y Arquitectos Técnicos, Santiago de Compostela, 2003), obra galardoada cos premios de investigación XIX Premio “Antón Losada Diéguez” (abril 2004) e XXVII Premio de la Crítica-Galicia (maio 2004). Neste libro o profesor Caamaño trata con profusión e detalle todo tipo de materiais, xeitos e sistemas constructivos populares, facendo unha especial mención á casa vivenda rural galega, así como unha descrición de construccións adxectivas, algunha das cales foron pouco tratadas noutros estudos, como son: palleiras, alpendres, secadoiros, adegas, lagares, cortellos, pombais, alvarizas, curros, foxos, pesqueiras, recintos de feira, fontes, pozos, lavadoiros, camiños, valados, pontes, socalcos, regos, oleiros, telleiras, terreiras, batáns, fábricas de curtidos, pías, hórreos, muíños, etc., o cal, como se advirte, constitúe un extensísimo repaso á construcción popular galega coas súas variedades e estilos constructivos, todo iso achegado, adornado e salpicado cunhas pinceladas compostas por anotacións e comentarios de aspectos xeográficos, culturais, históricos e etnográficos, dotando á obra dunha riqueza e variedade inusitada que unido ó amplo repertorio de fotos, debuxos, esquemas e mapas despregados ó longo de máis de 500 páxinas, dálle un carácter destacado e singular.
 

Entrevista de Carme Vidal a Manuel Caamaño, extraída de A Nosa Terra, número 1.112 (do 15 ó 21 de Xaneiro do 2004)  

  

Manuel Caamaño

"En arquitectura, a tradición é sabia"  

A impresión que deixa o libro As construcións da arquitectura popular (Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos) de Manuel Caamaño (Noia, 1936) é a inmensa riqueza deste patrimonio. Nas máis de cincocentas páxinas o autor achéganos a un variado mundo de casas, hórreos, pesqueiras, pombais, telleiras, alpendres e tantas outras construcións que forman parte da nosa cultura.  
O libro é capaz de transmitir tanto respecto polo patrimonio etnográfico como o que ten o seu autor, que leva xa moitos anos investigando nesta "arquitectura sen arquitectos". Trátase esta dunha faceta especialmente querida por Manuel Caamaño, un home cunha longa traxectoria no compromiso co país desde o asociacionismo cultural, a promoción de distintas iniciativas e proxectos e a militancia política. Caamaño é, entre outras cousas, patrono do Museo do Pobo Galego e da Fundación Pedrón de Ouro e fundador e membro da Fundación Castelao.

Como xurde o seu interese pola arquitectura popular ?

Durante a miña vida laboral compatibilicei o meu traballo na empresa privada da construción con dar clases en Arquitectura Técnica onde me encargaron unha nova materia que se chamaba "Construción rural galega". A raíz dese compromiso comecei a traballar no tema cun enfoque moi aberto, non limitado ás construcións senón á súa integración nun marco cunhas características xeográficas, culturais, históricas particulares. Nestes estudos teño que recoñecer un referente especial que é o de Etnografía e cultura material de Xaquín Lourenzo.

A partir de aí viñeron estudosos máis novos con metodoloxías modernas como Pedro de Llano ou Begoña Bas. O enfoque do meu libro trata de abranguer as máximas das realizacións constructivas que están integradas na arquitectura popular que a min me gusta denominar "arquitectura sen arquitectos", roubándolle o termo a Rudofsky, que fora conservador do Museo de Arte Moderna de Nova York e que fixo unha exposición nos anos sesenta sobre as diversas arquitecturas populares do mundo na que había uns paneis con hórreos de Galiza e de Portugal.

Acaelle entón esa definición de arquitectura sen arquitectos ?

Ao meu ver expresa moi ben o que significan este tipo de construcións. Non teñen autor determinado, están feitas polo pobo que en moitos casos constrúe cos recursos que ten, a intelixencia e o maxín sen que actúe ningún técnico. Como contraposición, cando interveñen os técnicos no medio rural, en boa parte das ocasións as desfeitas son notábeis.

Podemos dicir entón que en arquitectura a tradición é sabia ?

Dunha sabedoría total e iso queda destacado no libro. Sinto grande admiración polos nosos construtores populares. Resulta impresionante, por exemplo, ver a cantidade de peculiaridades e variedade que ten o hórreo en Galiza, máis que en parte algunha. Temos hórreos de material vexetal, de madeira, mixtos e de pedra e dentro de cada unha desas variantes con respecto aos recursos hai un abano enorme. Iso é produto da orixinalidade e do sentido estético do construtor popular.  

   
Do libro tírase que a arquitectura popular está ben pensada e é moi práctica, aproveita mesmo o calor dos animais.

Luís Seoane en Comunicacións mesturadas fala dun libro que escribiu un rapaz emigrante no que se refire en ton despectivo ás casas labregas galegas porque as cortes estaban na planta baixa. Seoane di que esa característica non é propia unicamente de Galiza senón tamén dos países máis avanzados de Europa porque hai un sentido funcional nese emprazamento, tanto é así que a mellor habitación é a que está enriba da corte porque é a que ten máis calor. Outra forma de vencer o frío é que a cambota da cociña se adentre na habitación. Estas fórmulas reflicten o sentido que lle daba o construtor popular para lograr a máxima funcionalidade cos pequenos recursos que tiña. Trátase ademais dunha arquitectura que se integra perfectamente na paisaxe de maneira que se pode dicir que tamén é ecolóxica.

 Defende que a arquitectura galega é distinta desde a mesma prehistoria.

Non ten dúbida. A diversidade das arquitecturas populares do Estado español é enorme. Aquí imos con atraso no estudo e na toma de conciencia con respecto a moitos aspectos, e a arquitectura é un deles. Cando nos anos vinte García Mercadal publica o libro La casa popular en España , de bibliografía de Galiza só pode citar o estudo das pallozas do Cebreiro de Angel del Castillo e dous artigos xornalísticos de Prudencio Canitrot e Paz Andrade. Había grande carencia de estudos deste tipo e ata que non se realizaron non se puido facer ver que había unha arquitectura popular moi rica e distinta. Falando, poño por caso, de tipoloxías da casa-vivenda recoñezo as pallozas, as casas da serra, a da Terra Chá e as depresións luguesas, a tipoloxía das agras coruñesas e logo ás da Galiza meridional cunha grande variedade e coa pedra como protagonista e, por último, a tipoloxía do litoral tamén cun amplo abano de posibilidades. Nas construcións denominadas adxectivas ou complementarias a variedade tamén é enorme comezando polos hórreos, os muíños ou construcións de menor entidade como curros, pesqueiras, alpendres, palleiras, pombais ou alvarizas.

O perigo de perda deste patrimonio continúa ?

Estas construcións están moi degradadas, comezando pola propia casa vivenda. Os programas de rehabilitación da Xunta fixeron un labor positivo pero en moitos casos requiriríase un maior control. Recupéranse moitas vivendas encadradas na arquitectura popular pero logo hai infinidade de construcións como os muíños que están abandonados en boa medida porque perderon a súa función. Defendo que construcións como estas teñen que ter novo valor de uso, unha reutilización. En certos muíños, por exemplo estase volvendo a moer de forma tradicional para elaborar o pan artesán auténtico.

Carpintería de aluminio, cemento para darlle un piso á casa de granito... fixéronse moitas desfeitas?

Este é un pecado colectivo pero o maior pecador é a administración que é quen ten que preservar o noso patrimonio. Tamén teñen a súa culpa os técnicos e os concellos coa súa tolerancia e falta de vixilancia. As leis existen pero incúmprense. Os concellos teñen que colaborar e ter conciencia de que hai que conservar o patrimonio dándolle un valor de uso. Galiza conta cunha grande riqueza tanto no sentido monumental como no patrimonio etnográfico inmóbel ou construido. O primeiro sempre recibiu atención dos poderes públicos pero as construcións populares non tiveron tanta dedicación. Os cidadáns van adquirindo maior conciencia e así, por exemplo, créanse moitas asociacións de carácter cultural para defender este patrimonio, como acontece de forma especial no caso dos muíños. Tamén é significativa a proliferación de museos etnográficos.  

   

Que eivas existen nesta materia ?

O que falta é un plan director de ordenación territorial do país, saber que se quere facer co territorio e como facelo, que espacios se dedican a cada cousa, como hai que tratar o patrimonio... As actuacións individualizadas non dan os resultados que se logran cun plan de conxunto. Neste sentido pareceume meritorio o Plano 2000 de Recuperación da Arquitectura Popular da Deputación da Coruña, que se ocupou de moitos muíños, hórreos, alpendres ou construcións menores. O patrimonio é inmenso e continúa o perigo de deterioro. No ano 1995 aprobouse a Lei do Patrimonio Cultural que inclúe o patrimonio etnográfico inmóbel pero o certo é que a actuación da consellaría responsábel que é a de Cultura non é coherente co espírito da lei. Por outra banda é necesario a elaboración dun inventariado completo no que se tiña que involucrar a Federación Galega de Municipios e Provincias. A consellaría de Cultura anunciouno hai máis de vinte anos e aínda hoxe está sen facer. Compre explotar os recursos que se teñen e este pode dar beneficios, ademais é algo propio da nosa cultura e forma parte dos nosos sinais de identidade.

Sorprende tamén a riqueza do vocabulario que recolle.

Son máis de oitocentos termos relacionados coa arquitectura popular, recollidos de diversos dicionarios, de traballos de campo ou mesmo aportados polos meus alumnos. Esta riqueza léxica demostra tamén a creatividade do noso pobo. O hórreo ten, por exemplo, máis de vintecinco denominacións diferentes.

CARME VIDAL