Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Nove Dous teatro abre este sábado a mostra de teatro Roberto Vidal Bolaño en Gondomar.

Nove Dous teatro abre este sábado a mostra de teatro Roberto Vidal Bolaño en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
Obra de teatro fóra de xogo
O grupo de tratro ourensán Nove Dous Teatro será o encargado de abrir un ano máis a Mostra de Teatro Roberto Vidal Bolaño de Gondomar. Este sábado 27 de outubro ábrese a mostra coa comedia Fóra de Xogo de Novedous Teatro.

Polo esceario do Lois Tobío pasaran este ano grupos como Skene, Lagarta Lagarta, Teatro de Ningures, Nut teatro que achegaran principalmente obras do xénero da comedia. O grupo do IES de Gondomar, Vichelocrego será o encargado de pechar a mostra o primeiro de nadal.

As representacións teatrais terán lugar todos os sábados ata o 1 de nadal no auditorio Lois Tobío de Gondomar. O horario será ás 22:30h e custe da entrada é de tres euros.

Fóra de Xogo 

Vale, si. De acordo: o fútbol é o espectáculo do noso tempo. Non hai ningún outro fenómeno social que deixe as rúas desertas, que mobilice tanto ás masas, que axude a sublimar frustacións ou a evadirse da realidade...Vale. O.K. Pero nós somos actores, ¿sabes? Facemos teatro e tamén aspiramos, de vez en cando, a pór en sociedade algunha emoción colectiva. Que nos encanta meter goles, vaia.

É máis: encantaríanos que “Fóra de xogo” fose un gol ao bocexo, un encontro trepidante e divertido cos teatreiros de hoxe. Servando e a súa “troupe” teñen tan claro que non poden mudar a súa vida que deciden tomala con deportividade. Por iso, aínda que leven alma de traxedia e se reboten porque ninguén lles fai caso, acaban comendo a bola e parindo unha comedia redonda coma un balón.

Son saltimbanquis do século XXI, uns cómicos precarios que loitan en furgoneta contra a Liga, a UEFA e a Champions League. Pero o combate é incruento. Hai que estudar ao rival e tomalo con filosofía. Xa o dicía Albert Camus, ex gardameta e escritor: “o fútbol é unha fotocopia reducida da vida e o rectángulo de xogo un mundo tamaño chaveiro.” Case nada...

Por iso estes sufridos intérpretes de “Edipo” ábrense con humor ao deporte rei e poñen fronte a ti este suxestivo enredo. Adiante, amigo, o espectáculo está a punto de comezar! Comeza a diversión. Prohibido bocexar. Érguese o telón: túa, miña, cabeciña e gol!

 

AUTOR E DIRECTOR : Maxi Rodríguez

REPARTO : Marián Bañobre, Jouse García, Lois Soaxe e Santiago Cortegoso.

TRADUCIÓN : Clara Vázquez

ILUMINACIÓN : Novedous

TÉCNICO DE LUZ E SON : David Varela

DESEÑO VESTIARIO : Xosé M. Mouriño

GRAVACIÓN : Mafia Records

DISTRIBUCIÓN : Josi Lage

DESEÑO GRÁFICO : Somos

AGRADECEMENTOS : Área de Cultura do Concello do Carballiño, Concello de Vilamarín, Arteficción, Carmen González, Plácido Lage.