Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Os dous de Chaín

Os dous de Chaín

Correo-e Imprimir PDF
A Antonio Araúxo por Carlos Méixome.
Foron as súas vidas paralelas. Naceron, case a un tempo, no alborexar do século pasado. De mozos andaron á procura de sustento ata acougar neste pequerrecho val regado por un Miño cativeiro e asentarse no Chaín pendurado das abas do Galiñeiro camiño de Morgadáns. Entre nós foron proletarios da terra. Andaban ao xornal, ás veces sachando vides ou milleirais, outras batendo croio para facer as estradas que a ditadura primoriverista iniciou e a breve república continuou.

Aquí namoraron cadansúa galega. Casaron e tiveron fillos. As súas mulleres herdaron algunha que outra terra de labor que traballaron con ansias mentres seguían a ir ao xornal e anotados no “Sindicato de la Edificación de Gondomar y sus contornos” para que os chamasen como peóns “camineros”. De cando en vez atopaban acougo para falar co mestre da parroquia, o ilustrado e republicano Luciano Folgar Monteagudo, de quen nos dá novas o profesor Malheiro na súa máis recente publicación.

En xullo chegou o trebón. Seguro que foron presos ou cando menos interrogados. Con moita probabilidade aparecerán novas deles nalgunha das múltiples causas militares instruídas contra ducias e ducias de veciños do Miñor. 
Por agosto as noites eran aterrecedoras e as mañás agoniantes: paseados en Vincios, no Pego Negro, en Tebra, en Cela, no cemiterio de Mos, en Vichicáns, fusilados no Castro... O medo ía chegando ata o miolo dos ósos. Foron alá días e meses agardando polo que podía pasar. E pasou.

As testemuñas lembran ben os berros e os laios dos xornaleiros portugueses cando varios falanxistas, gardas cívicos e gardas civís os sacaron a pancadas do cárcere de Gondomar, nos baixos do concello, e os meteron nun taxi para non volver máis. 

Na mañá do 11 de febreiro de 1937 aparecen os seus cadáveres nas empinadas costas que dende o mar levan ata a parroquia rosaleira de San Xián; o concello do Baixo Miño métese entre Oia e A Guarda e colle alí un anaco da beiramar. Segundo narran diversas testemuñas, os veciños ergueron os cadáveres, colocáronos sobre cadansúa esqueira e subíronos por aquelas fortes pendentes ata a pequena ermida parroquial. Fóra do muro que arrodea o pequeno camposanto, debaixo dunha figueira, déronlle terra aos dous xornaleiros de Chaín. Alí seguen os restos de Manuel Prudencio del Rosario, de 33 anos, nacido en Santarém e casado con Lucinda Penedo, coñecido como “Manuel de Lucinda” quen, segundo testemuñas, xa que na acta do rexistro non consta, deixaba polo menos catro fillos; e os do seu compañeiro de vida e morte, Abilio Araújo Barbosa, de 36 anos, nacido en Coura, fillo de Rosa e Casimiro, casado con Esperanza Losada Ribeiro; deixaba tamén catro orfos e outro en camiño. Un seu neto, Antonio, é o actual portavoz nacionalista no concello de Gondomar.

As actas de defunción tardaron máis dun mes en levantarse (o catorce de marzo). Nas mesmas recóllese a data do crime e que os datos foron facilitados pola Garda Civil. Na causa da morte especifícase: “heridos de arma de fuego por disparos de la Guardia Civil”. Sabemos por testemuñas orais que foron paseados, non eran fuxidos. Estaban presos en Gondomar, metéronos nun taxi e aplicáronlles a “lei de fugas” en San Xián.

As testemuñas falan dun terceiro asasinado na mesma data e circunstancia. Ata o momento non puidemos documentar este outro crime. Segundo estas fontes a terceira persoa, presa no calabozo gondomareño e asasinado en San Xián, sería un tal Manolo, solteiro, natural de Noia, que traballaba na panadería de Lauréana como “palero”, isto é, metía o pan no forno.

Infortunadamente non foron estes os únicos veciños de Gondomar asasinados naqueles días de ferro e lume. Teremos que dar noticia deles noutra ocasión. 

A Chan de Val Verde publicado na Peneira