Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Incendios e inundación nas tertulias do IEM con Francisdo Día

Incendios e inundación nas tertulias do IEM con Francisdo Día

Correo-e Imprimir PDF
O catedrático da edafoloxía da USC, Francisco Díaz Fierros, será o convidado.

O próximo venres 2 de febreiro ás 20:30 h. no Pazo da Escola de Mañufe, en Gondomar terá lugar a cuarta das TERTULIAS do IEM deste curso organizadas polo Instituto de Estudos Miñoranos.
Como é costume tras a charla coloquio aberta ao público terá lugar unha cea co noso convidado. Para asistir á mesma é necesario facer reserva en chamada ao 680 644 490. 

Nesta ocasión estará con nós o profesor Francisco Díaz-Fierros Viqueira, o catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela, presidente do Seminario de Estudos Galegos e vicepresidente do Consello da Cultura Galega. 

O noso convidado será presentado polo profesor, biológo e director da sección de medio Ambiente do Instituto de Estudos Miñoranos, Fernando Lahuerta Mouriño.


Naceu en Vilagarcía de Arousa, o 4 de xullo de 1941. É doutor en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela (1967), é catedrático de Edafoloxía e Química Agrícola na Universidade de Santiago de Compostela desde 1987. Como docente dirixiu 24 traballos de licenciatura, ademais de 16 teses de doutoramento.

Conferenciante e membro de numerosas Sociedades Científicas nacionais e internacionais, ten participado en máis de trinta proxectos científicos ou técnicos financiados, ben como membro do equipo ben como investigador principal ou director. Presidente da Sociedade Galega de Historia Natural entre 1975 e 1980, tamén ocupou o cargo de presidente da Sección I (Física do Solo) da Sociedade Española de Ciencia do Solo entre 1988 e 1996.

É presidente da xunta rectora do Seminario de Estudios Galegos desde 1980 membro do Consello da Cultura Galega, primeiro como coordinador da Sección de Patrimonio Natural (1983-1998) , a partir de 1999 coordinador da Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade e, desde xullo do 2002, vicepresidente primeiro da institución. Ademais destes postos, Díaz Fierros é académico numerario da Real Academia de Farmacia. Sección de Galicia (2000) e académico correspondente da Real Academia de Farmacia do Instituto de España. (Ver discurso de ingreso en http://www.culturagalega.org/documentos/diaz_fierros.zip).
Desde 1999 ocupa o cargo de director da Colección Historia Natural do Proxecto Galicia, de Edicións Hércules.

Díaz-Fierros desenvolveu distintas liñas de investigación nos seus traballos: os factores de formación do solo, as propiedades físicas de solos de zonas húmidas, a avaliación e cartografía de solos de Galicia e zona húmida, a erosión, os procesos de degradación de superficies queimadas ou a paleoecoloxía, son algúns dos ámbitos que estudiou nas súas numerosas publicacións científicas.

Contribución a la climatología de Galicia (1971), Los gallegos (1976), As especies forestais e os solos de Galicia (1982), Suelos naturales de Cantabria (1985), A natureza ameazada. Xea, flora e fauna de Galicia en perigo (1989), Os solos da Terra Cha (1992), As Augas de Galicia (1996), Un Novo Mundo para un home universal. Saída de Humboldt de A Coruña cara á súa viaxe americana en 1799 (1999), son algunha das publicacións nas que participou como coordinador ou é autor. Ven de publicar A cuestión ambiental en Galicia, 2006, Ensaio e Investigación en Ed Galaxia. http://www.editorialgalaxia.es/catalogo/libro.php?id_libro=0014970029  

Coordinou xunto a Plácido Bahamonde, a publicación que recolle as actas das xornadas celebradas baixo título de Os incendios forestais en Galicia os días 7 e 8 de novembro de 2005 en Santiago de Compostela. O encontro reuniu aos sectores implicados para analizar a problemática dos incendios forestais en Galicia e buscar solucións. Pódese baixar o libro en http://www.consellodacultura.org/mediateca/pubs.pdf/incendios.pdf

Díaz-Fierros recibiu o premio "Fray Bernardino de Sahagún" da Deputación de León para traballos científicos en 1972, o "Federico Maciñeira" da Deputación da Coruña (1980) e o Premio da Crítica á Investigación Científica (1996).