Sábado, 11 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Lois Tobío, fillo adoptivo de Gondomar, será homenaxeado en Compostela.

Lois Tobío, fillo adoptivo de Gondomar, será homenaxeado en Compostela.

Correo-e Imprimir PDF
O diplomático e intelectual viveirense Lois Tobío Fernández será obxecto dun acto de recoñecemento en Santiago de Compostela que terá lugar ás sete da tarde o martes 13 de xuño, data do centenario do seu nacemento, no Museo do Pobo Galego.

Lois Tobío ten unha especial vinculación con Gondomar xa que dedicou moitos anos da súa vida ao estudo da figura de don Diego Sarmiento de Acuña. Os seus traballos viron a luz nalgunhas obras fundamentais para o coñecemento da época e da personalidade do 1º Conde de Gondomar, entre as que compre salientar Gondomar y su triunfo sobre Raleigh e Gondomar y los católicos ingleses. Tobío mereceu xa dous actos de agradecemento por parte do concello de Gondomar. O primeiro, xuño de 2001, con motivo do seu 95 aniversario, cando se inaugurou oficialmente o Auditorio Municipal Lois Tobío, segundo acordo anterior do pleno do concello. Naquel acto ademais da súa filla Constanza estiveran presentes amigos e intelectuais como Isaac Díaz Pardo, Francisco Fernández del Riego ou o sempre lembrado Carlos Casares.

Con posterioridade e tras a súa morte, 13 de marzo de 2003, o pleno do concello de Gondomar acordou por unanimidade, a proposta do Instituto de Estudos Miñoranos, nomear a don Lois Tobío fillo adoptivo de Gondomar a título póstumo. O pleno de honores tivo lugar o 26 de novembro de 2005. De novo acudiu a Gondomar a súa filla Constanza, mentres que o historiador Ramón Villares interveu como mantedor do mesmo. Daquela virá a luz o seu traballo inédito sobre o Conde de Gondomar, Dous embaixadores: Digby e Gondomar.

O acto do próximo martes, ao que asistiran membros do Instituto de Estudos Miñoranos e dos grupos municipais do concello de Gondomar, está organizado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, as máis importantes institucións culturais galegas, así como os concellos de Viveiro, Santiago e Gondomar. No mesmo farase unha lectura de textos de Lois Tobío e intervirán Isaac Díaz pardo, Constanza Tobío e a conselleira Ánxela Bugallo. Na lembranza dos anos de Tobío como secretario da embaixada española en Bulgaria, un grupo de cámara deste país porá o peche ao homenaxe.