Sábado, 11 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Tertulias do IEM con Franciso Fernández Rei

Tertulias do IEM con Franciso Fernández Rei

Correo-e Imprimir PDF
foto xerais.es

Hoxe venres 7 de abril de 2006 ás 20:30 horas no Pazo da Escola de Mañufe, Gondomar terá lugar a conferencia –coloquio catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela FRANCISCO FERNÁNDEZ REI dentro do ciclo AS TERTULIAS DO IEM: O autor fala da súa obra. O noso convidado será presentado pola catedrática de Filoloxía Universidade de Vigo, Camiño Noia Campos Como ven sendo costume tras a charla-coloquio aberta ao público terá lugar unha cea co conferenciante para a que se pode facer a reserva chamando ao teléfono 680 644 490.

FRANCISCO FERNÁNDEZ REI (Fefiñáns-Cambados,1952).Doutorouse coa tese O verbo. Contribución á dialectoloxía galega, a primeira que se presentaba en lingua galega na Facultade de Filoloxía. Na actualidade é catedrático de Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela, e investigador do Instituto da Lingua Galega, onde forma parte do equipo que está a redactar o Atlas Lingüístico Galego, e é responsable do Arquivo do Galego Oral (1992) do citado Instituto.
 
Como membro do Instituto da Lingua participou na recollida do material do dominio galego do Atlas Linguarum Europae e do Atlas Lingüístico de España y Portugal, e pertence ó comité galego do Atlas Linguistique Roman. Así mesmo, é corredactor das Bases prá unificación das normas lingüísticas do galego (1977), formou parte da comisión da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias e da Cultura da Comarca (MDGA), que redactou as Normas ortográficas e morfolóxicas del galego de Asturias (1990).
Membro numerario da Real Academia Galega (1997), do Patronato do Museo do Pobo Galego (1998), do plenario do Consello da Cultura Galega en representación do ILG (1999), do comité científico da Sotziedade Internatzionale de Limba Sarda (1999) e conselleiro de honra do Consello d'a Fabla Aragonesa (1999).
 
É autor de numerosos artigos sobre o galego e a súa situación na Romania, en distintas revistas especializadas e noutras publicacións. Para a Gran Enciclopedia Gallega (1980), redactou en coautoría a entrada "Galego" e, só baixo a súa responsabilidade, fixo a mesma entrada para a Enciclopedia Galega Universal (2003). Así mesmo, ten varios traballos sobre a elaboración do galego moderno e da lingua literaria, entre outros cabe salientar: " Ramón Cabanillas, Manuel Antonio e o mar de Arousa. Dúas singraduras na construción dun idioma para unha patria» (discurso de entrada na RAG en 1999), "A lingua medieval e a súa importancia na elaboración do galego moderno" (2001), "Moita costa, pouco mar: o léxico mariñeiro e a construción do estándar galego" (2003). Publicou tamén diversos artigos sobre a situación do galego de Asturias, León e Zamora e editou Lingua e cultura galega de Asturias (1994), e sobre o "galego" de Cáceres é autor de "As falas de Xálima e a súa relación coa lingua galega" (2000). 

No libro Dialectoloxía da lingua galega (Premio Antón Losada Diéguez de Investigación, 1990) estuda as variedades do galego oral; publicou ademais o audio-libro A Nosa Fala. Bloques e áreas lingüísticas do galego (1996), en colaboración con Carme Hermida; coordinou e redactou o vol. I Morfoloxía Verbal do Atlas Lingüístico Galego (1990), que foi Premio da Crítica 1991 de Investigación) e o vol. IV Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico (2003), á vez que colaborou no vol. II Morfoloxía non verbal (1995) e no vol. III Fonética (1999).
 
Ocupouse doutras linguas románicas minorizadas como o aragonés, o sardo e a situación sociolingüística da República Italiana. E con A. Santamarina editou a monografía Estudios de sociolingüística románica. Linguas e variedades minorizadas (1999).