Sábado, 11 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura O cotos de Chaín . Presentación do libro

O cotos de Chaín . Presentación do libro

Correo-e Imprimir PDF
Instituto de Estudios Miñoranos
O próximo venres 17 de febreiro de 2006 ás 20 h. no Centro Cultural de Chaín terá lugar o acto de presentación do libro Os cotos de Chaín do que son autoras as profesoras Margarita Miramontes Castro e Purificación González Martínez.
No acto ademais das autoras participará o biólogo, profesor e membro da xunta de Goberno do Instituto de estudos Miñoranos Fernando Lahuerta. O libro editase na colección Os Cadernos do IEM, sendo este o número 10 dos publicados nesta colección.
Ao pasear pola parte alta da parroquia de Chaín, no concello de Gondomar, chama a atención de calquera observador a presenza de numerosos outeiros rochosos, coñecidos aquí como cotos. Non podemos dicir que este tipo de formacións sexan unha rareza nun país granítico como é o suroeste de Galicia; o que os fai singulares é o feito de atopárense en gran número dentro dunha área relativamente pequena, emerxendo entre as casas e os campos dos barrios de Regodagua, Castelo, Igrexa, Pintor e Pedrouco.
A variada toponimia asociada cos cotos -o do Abade, o da Teixuguiera, o da Espiñeira- revela que son e foron dende sempre un referente da paisaxe desta parroquia. A pesar disto están correndo risco de desaparición, tanto física como visual, xa que moitos deles están sendo desmontados, achanzados e desmantelados, e outros desaparecen visualmente ocultados polo plantío de eucaliptos ou pola urbanización desordenada. 

Nos últimos tempos parece que está a medrar a conciencia pola conservación do medio, pero en xeral, as actuacións neste sentido oriéntanse case exclusivamente cara á vexetación, á fauna ou ao patrimonio etnográfico e artístico. Pola contra, os elementos xeolóxicos a penas se consideran, esquecéndose o seu valor como recurso científico, didáctico e turístico. As paisaxes rochosas son, por iso, especialmente vulnerables, e son necesarias iniciativas que promovan o coñecemento da xeoloxía, xa que é difícil respectar aquilo que non se coñece. 

As rochas non só dan forma á paisaxe, orixinando formacións máis ou menos vistosas, senón que en boa medida determinan os solos e o relevo que, á súa vez, condicionan o tipo de comunidades biolóxicas e os usos e o modo de explotación do territorio por parte das comunidades humanas que alí habitan. Polo tanto o substrato xeolóxico contribúe a darlle forma á identidade dos pobos e á súa cultura tradicional, en todos os aspectos da súa expresión: tanto nos seus aspectos materiais (arquitectura, cultivos, muros, casas, muíños) como nos inmateriais, alimentando a imaxinación (contos, mitos, lendas, cancións, crenzas). 

A perda da vexetación ou a desaparición dunha determinada especie animal nunha zona é en moitos casos reversible, pero a destrución das formas xeolóxicas, debido á extrema lentitude do seu proceso de formación, fai que estas sexan irrecuperables. Posto que as rochas son os arquivos dos acontecementos do pasado do noso planeta, a súa perda non só implica a perda da rocha en si, senón de toda a información de valor científico e didáctico que contén. 

Este traballo pretende poñer un pequeno gran de area para remediar o esquecemento da compoñente xeolóxica da paisaxe, contribuír a que o espírito conservacionista abranga tamén a este aspecto do medio e que isto impregne aos plans de urbanismo e conservación.