Domingo, 12 Jul. 2020

Actualizado12:21:09 AM GMT

Estás en Canais Cultura Entrega do III premio de Xornalismo Nano Cambeiro

Entrega do III premio de Xornalismo Nano Cambeiro

Correo-e Imprimir PDF

O venres 27 de xaneiro seralle entregado ao xornalista David Reinero González o III Premio de xornalismo Nano Cambeiro. 
Os actos de entrega do premio, aprazados en sinal de loito pola asasinato da moza de Baredo Águeda González, terán lugar ás 20:30 h. na Capitanía Marítima de Baiona.

O Premio de Xornalismo NANO CAMBEIRO foi instituído polo Instituto de Estudos Miñoranos para lembrar ao xornalista e fundador desta entidade cultural.

Nesta Terceira Edición, o premio concedéuselle a DAVID REINERO GONZÁLEZ un mozo xornalista miñorano que une o seu nome ao de consagrados escritores como Xosé Luís Méndez Ferrín e Francisco Fernández del Riego que o recibiron nas anteriores edicións. No artigo premiado Cando Praia América tiña mil nomes, publicado no xornal Atlántico Diario o luns 23 de febreiro de 2004, faise unha achega a toponimia do areal nigranés en perigo de desaparición, víctima da exótica e simple denominación de Praia América, tal e como lle aconteceu a maior parte do que fora maior areal e complexo dunar da ría de Vigo soterrado baixo toneladas de formigón e asfalto.

O premio, sen dotación económica, consiste nunha peza de bronce obra do escultor e membro do Instituto de Estudos Miñoranos FERNANDO CASÁS, que se funde para entregar en cada convocatoria.

Os actos comezarán ás 20:30 horas nos locais da Capitanía Marítima, rúa Elduayen, de Baiona. Iniciaranse coa presentación da novela Súa de si da que é protagonista Nano Cambeiro. Estará presente o seu autor, o escritor lugués ISIDRO NOVO, así como o  editor e promotor da iniciativa cultural Biblos, TUCHO CALVO.

No acto de entrega do premio intervirán o escultor FERNANDO CASÁS, o doutor LORENZO POUSA e o xornalista IAGO MARTÍNEZ. Os actos, que serán presentados polo membro da Xunta de Goberno do IEM XOSÉ LOIS VILAR PEDREIRA, rematarán coa intervención do premiado DAVID REINERO.