O dispositivo iKinect, que permite controlar o ordenador cos movementos do corpo sen necesidade de usar o rato e o teclado foi o gañador absoluto da 'Galiciencia 2011', organizado por Tecnópole e que conta co apoio da Consellería de Economía e Industria. Este proxecto foi o vencedor na categoría de 2º ciclo da ESO e gañador absoluto por impoñerse en puntuación aos dos outros dous equipos gañadores nas categorías de 1º ciclo da ESO e Bacharelato. Martín Alvarez, Adrián González e Luis Rodríguez, do IES O Couto (Ourense), adaptaron a cámara da videoconsola Xbox para que permitise unha interacción total do usuario cos controis de calquera ordenador.
Coa clausura da 'Galiciencia' dase por rematada a Semana da Ciencia en España, que tivo como actividade de referencia a feira celebrada na Tecnópole por medio da FECYT, cofinanciadora do evento coa Xunta de Galicia. Neste sentido, o director xeral de I+D+I da Consellería de Economía e Industria, Ricardo Capilla, apuntou que "é unha gran satisfacción para a Xunta, que leva apoiando a Galiciencia desde o principio e o seguirá facendo no futuro, que o evento se convertese en referente da Semana da Ciencia en España". Capilla felicitou a todos os participantes polo entusiasmo que poñen nos seus proxectos e animounos a seguir "movéndose pola paixón en todo o que fagan no futuro".
As gañadoras na categoría de 1º ciclo ESO, Mariana Cabaleiro Lago e Claudia Gómez Pérez, do Colexio Alborada de Vigo, estudaron os diferentes tipos de fentos que se poden encontrar ao longo da ruta polo río da Fraga. O resultado final é un cartel cos datos destes fentos situados nas distintas zonas, así como unha breve descrición para que o camiñante poida ir identificando estas especies.
Na categoría de Bacharelato resultou gañador o proxecto Zambuseta Laboratories, unha agrupación que se dedica á construción e deseño de electrónica programable formada por Carlos Almuíña Varela e Pablo Dobarro Peña, do IES Rosalía de Castro (Santiago de Compostela). Este tipo de circuítos pódese atopar en case calquera aparato doméstico, reloxos, lavadoras, aires acondicionados, termómetros, etc. Os membros do grupo recrean estes obxectos e outros novos de maneira aberta para que todo o mundo poida entender o seu funcionamento interno e adaptalos ás súas necesidades. O proxecto conta con canal propio en YouTube.
Cada un dos membros dos tres equipos gañadores levou un tablet portátil que no caso do primeiro premio absoluto se completa co financiamento da viaxe á Exporeçerca, a feira científica de ámbito estatal que se celebra en Cataluña.
Un xurado experto
Os proxectos premiados foron elixidos por un xurado experto formado por vinte persoas, a maior parte deles emprendedores da incubadora de empresas da Tecnópole. Logo de visitar os 51 proxectos procedentes de colexios da provincia de Ourense, Pontevedra, A Coruña, Lugo, Cataluña e País Vasco, fixeron as súas avaliacións e coa media das puntuacións elaborouse o ranking final.
Todos estes proxectos estiveron expostos durante os últimos tres días no recinto da Tecnópole e recibiron a visita de máis de 2.000 persoas, entre grupos de colexios e familias que asistiron por libre.
Actividades paralelas
Ademais da exposición de proxectos, a 'Galiciencia' contou cunha ampla oferta de actividades paralelas que incluíron a participación no Experimento Mundial do Ano Internacional da Química. Trátase dun exercicio sobre o pH do noso planeta que tivo lugar onte e no que alumnos voluntarios obtiveron unha mostra de auga natural de procedencia local e mediron o seu pH utilizando solucións indicadoras de cor. O promedio dos resultados obtidos foi enviado á base mundial de datos experimentais. Para realizar o experimento desprazouse ata a Tecnópole Javier García Martínez, profesor titular e director do Laboratorio de Nanotecnoloxía Molecular da Universidade de Alicante, vicepresidente do Consello de Tecnoloxías Emerxentes do Foro Económico Mundial de Davos e asesor da Unión Europea.
A maiores, co gallo da conmemoración do Ano Internacional da Química e do Ano Internacional dos Bosques, a 'Galiciencia' celebrou talleres durante os tres días en horario de mañá e tarde sobre estas temáticas, xunto con outro sobre termalismo e un planetario móbil.
No acto de clausura repartiuse a revista oficial da 'Galiciencia', elaborada nos dous últimos días polos alumnos do taller de xornalismo científico (estudantes de Secundaria) celebrado no marco da feira.