Arte e terapia, esta é a mestura que se propón nun novo obradoiro consistente nunha actividade de mediación artística bautizada co suxestivo título "Pintando co corazón", segundo dá a coñecer o Diario da Universidade de Vigo (DUVI). "Pretendemos que as nosas alumnas e alumnos se expresen en linguaxes distintas ás que coñecen permitindo que amplíen as súas capacidades de coñecemento e expresión", subliña Rocío Iglesias, responsable do Gabinete Psicopedagóxico, que será a encargada de impartir o curso.
A cita será os martes 17, 24 e 31 de marzo de 11.00 a 13.00 horas nas instalacións do Teatro Vidal Bolaño da Cidade Universitaria e as persoas interesadas en participar teñen de prazo para inscribirse ata o vindeiro venres día 13. Cun prezo de tres euros para o alumnado bolseiro e 4,50 € para o resto, o único requisito é levar roupa cómoda "e moitas gañas de traballar".
Cuestións como a autoestima, a empatía ou a tolerancia e, "por suposto, non fan falla coñecementos de debuxo", subliña Iglesias, ao tempo que explica que o taller xurde coa idea de abordar o autocoñecemento de forma lúdica e de compartir co grupo "ser un mesmo, descubrirse sen ser xulgados e recoñecer o noso eu verdadeiro".
Primeira vez que se organiza no campus
Cunha metodoloxía que a organizadora define como "activa e participativa", a actividade está concibida como un taller de iniciación e pretende ser un achegamento vivencial, pero non estritamente terapéutico nin de alto nivel de afondamento. "Faremos dinámicas de debuxo, traballo de movemento, musicoterapia e diferentes técnicas de relaxación", explica a psicopedagoga, ao que engade que é a primeira vez que se organiza na Universidade un obradoiro destas características.
"Tradicionalmente utilízase a linguaxe falada como mediador para acceder ao interior da psique, coa mediación artística aínda que a linguaxe verbal tamén ten grande importancia, non é a única vía para o acceso ao coñecemento e comunicación", subliña a responsable do Gabinete Psicopedagóxico, ao tempo que explica que esta terapia utiliza as distintas linguaxes da arte -pintura, escritura, debuxo, música... para que a persoa poida chegar ao seu interior, ao inconsciente a través de medios de expresión que normalmente non se utilizan e encontrar así o que descoñece de si mesmo e que lle poida causar malestar a nivel psíquico.