Martes, 3 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Ciencia e tecnoloxía Saúde En contra das recomendacións internacionais, España mantén a exclusión sanitaria de persoas inmigrantes.

En contra das recomendacións internacionais, España mantén a exclusión sanitaria de persoas inmigrantes.

Correo-e Imprimir PDF
imagenes Palma de Mallorca Thiago 23 years Brasil Foto Alessandro Grassani 855d69a5

Amnistía Internacional, Centro por los Derechos Económicos y Sociales, Médicos del Mundo e Red Acoge denuncian que o Estado español incumpriu as recomendacións de diversos mecanismos de Nacións Unidas e do Consello de Europa, que pedían a reforma do Real Decreto Lei 16/2012 de 20 de abril, de medidas urxentes para garantir a sustentabilidade do Sistema Nacional de Saúde e mellorar a calidade e seguridade das súas prestacións (RDL). Lembran nun comunicado conxunto,  que o Estado español ten obrigacións legais en materia do dereito á saúde, tamén con respecto ás persoas migrantes en situación administrativa irregular.

Engaden que mesmo antes da entrada en vigor do RDL, xa o Comité de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais de Nacións Unidas solicitou a España que a reforma lexislativa non limitase o acceso das persoas aos servizos de saúde, calquera que fose a súa situación legal, e pediu ao Goberno que avaliase o impacto de dita reforma nos colectivos en situación de vulnerabilidade.

Pola súa banda, en xuño de 2013, o Relator Especial de Nacións Unidas sobre as formas contemporáneas de racismo, discriminación racial, xenofobia e formas conexas de intolerancia cualificou a reforma sanitaria como un “feito lamentable” e mostrou a súa preocupación pola imposición de barreiras económicas.

Xa en abril de 2014, seis Relatores Especiais e Expertos Independentes de Nacións Unidas, liderados pola Relatora especial de extrema pobreza e dereitos humanos lembraron ao Goberno español que as normas básicas de dereitos humanos non poden ser ignoradas polas presións fiscais.

Asemade, en xaneiro de 2014, o Comité de Dereitos Económicos e Sociais do Consello de Europa destacou que esta reforma era contraria á Carta Social Europea, da cal España é Estado parte.

Sinalan que a pesar do consenso existente entre os organismos internacionais, as súas insistentes chamadas e expresións de preocupación e as peticións reiteradas de reforma do RDL, “o Goberno español non as tivo en conta”. Pola contra,  denuncian que as autoridades seguiron implementando a reforma sanitaria e continuaron adoptando normas que “profundan aínda máis a exclusión sanitaria, como é o caso da Orde SSI/1475/2014, de 29 de xullo, que regula o procedemento de subscrición do convenio especial de prestación de asistencia sanitaria”.

As organizacións, que subscriben o comunicado, alertan de que o importe económico que se establece para subscribir o convenio, podería supor unha barreira ao acceso á atención sanitaria das persoas en situación de maior vulnerabilidade. Neste sentido, as organizacións lembran que os estándares internacionais sobre o dereito á saúde esixen a accesibilidade económica como un dos elementos esenciais do dereito á saúde. Estes convenios obrigan a un pago ás veces superior aos dun seguro privado por unha prestación sanitaria moi limitada, que non inclúe o acceso a especialistas e obriga ao paciente a custearse o cento por cento da medicación.

En dous anos Sanidade retirou o cartón sanitario a 873.000 persoas.

Salientan que nestes dous anos, o Ministerio de Sanidade retirou o cartón sanitario a 873.000 persoas. Neste tempo “non fixo pública ningunha análise sobre o efecto disuasorio da reforma sanitaria en persoas migrantes en situación administrativa irregular, nin na identificación das mulleres vítimas de violencia de xénero e de trata. Tampouco explicou as posibles irregularidades na aplicación do RDL, como poidan ser a facturación da atención médica de urxencias, tal e como denunciaron organizacións médicas e Amnistía Internacional”.

Co pago farmacéutico está a afectar ás persoas máis vulnerables.

O acceso á medicación é outro dos puntos de especial preocupación de Médicos del Mundo, xa que o incremento do copago farmacéutico por unha banda, e o feito de que as persoas excluídas do Sistema Nacional de Saúde teñan que abonar a totalidade do custe da medicación por outra, está a afectar á continuidade dos tratamentos nas persoas en situación máis vulnerable. Feito que pode ter serias repercusións na súa saúde, sobre todo cando se trata de enfermidades graves. “Ademais, podería supor un incremento do gasto sanitario cando estas persoas requiran de atención sanitaria de máis complexidade debido á evolución da enfermidade (urxencias, hospitalizacións etc) non debidamente atendida”.

Que España cumpra co que predica a nivel internacional

As organizacións valoran positivamente o discurso que España mantén en foros internacionais de compromiso cos mecanismos de protección de dereitos humanos de Nacións Unidas. Por iso e a través dunha carta á Ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, as organizacións pídenlle ao Goberno que, de forma coherente co devandito posicionamento, cumpra coas súas obrigacións internacionais e coas recomendacións de Nacións Unidas, reformando o Real Decreto Lei, asegurando a universalidade do dereito á saúde, e garantindo de maneira urxente o acceso á atención sanitaria ás persoas migrantes, independentemente da súa situación legal.

Antecedentes

O 1 de setembro de 2012 entrou en vigor o Real Decreto Lei 16/2012 (RDL). Con este RDL, España “incorreu nunha violación dos dereitos humanos, por limitar o dereito á saúde que podería afectar ao dereito á vida dalgúns dos colectivos máis vulnerables da sociedade e por tratarse dunha medida regresiva e discriminatoria”, denuncian os colectivos.

As persoas sen tarxeta sanitaria só poden ser atendidas nos seguintes casos: urxencias, supostos de embarazo, parto e posparto, menores, solicitantes de protección internacional e vítimas de trata de seres humanos en período de restablecemento e reflexión. Con todo, persoas con enfermidades crónicas como o cancro ou diabetes non teñen acceso a asistencia sanitaria gratuíta.

O caso de Alpha Pam.

Un caso que pode ser ilustrativo do impacto negativo da reforma sanitaria é o de Alpha Pam, cidadán senegalés de 28 anos sen tarxeta sanitaria, que faleceu de tuberculose o 21 de abril de 2013, a pesar de que o tratamento gratuíto da súa enfermidade atopábase contemplado nos criterios xerais sobre asistencia sanitaria a persoas migrantes das Illas Baleares. A Alpha Pam diagnosticáronlle bronquite no Hospital de Inca, sen efectuarlle unha radiografía nin decidir o seu ingreso. Segundo información recibida polas organizacións, o centro de saúde negouse a realizarlle probas diagnósticas até en tres ocasiones e mesmo lle advertiron de que, pola súa condición de inmigrante, tiña que pagar a visita.

Ante o ocorrido, a Consellería de Saúde elaborou unha “investigación reservada” en cuxas conclusións se ordena a destitución do xerente do Hospital de Inca e a apertura de tres expedientes disciplinarios. O informe recoñeceu erros administrativos na xestión da atención sanitaria de Alpha Pam.