Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda O uso ilexitimo do poder na reforma da administración de xustiza, a debate nas tertulias do IEM

O uso ilexitimo do poder na reforma da administración de xustiza, a debate nas tertulias do IEM

Correo-e Imprimir PDF
Luis Villares Naveira

O Instituto de Estudos Miñoranos abre a súa 13ª tempada consecutiva das TERTULIAS do IEM, co relatorio “O uso ilexítimo do poder na reforma da administración de xustiza”.  Faladoiro que estará a cargo do xuíz Luís Villares Naveira, coordinador en Galicia da Asociación Xuíces para a Democracia e membro fundador da Irmandade Xurídica Galega.

 

Seis preguntas centrarán este diálogo que manteremos con Villares. Interrogantes que o propio maxistrado achéganos como adianto da súa intervención: Utiliza o Estado o poder dun xeito ilexítimo? Utilízanse as reformas da administración de xustiza para evitar o control xudicial sobre os outros poderes do Estado? É posible o acceso da cidadanía a unha xustiza universal, gratuíta, achegada á cidadanía e imparcial?  É posible unha xustiza xusta? Como nos afectan á cidadanía as reformas xudiciais?  Preténdese xustiza ao servizo da xente ou ao servizo dos outros poderes?

A licenciada en Dereito, Elsa Quintas Alborés presentará a TERTULIA. Será o o vindeiro venres 7 de novembro ás 20:30 horas na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar).

Tamén como é tradicional, despois do acto aberto ao público en xeral haberá unha cea coa persoa convidada que terá lugar no Pazo da Escola de Mañufe Gondomar á que se poderá asistir facendo a correspondente reserva de praza no teléfono 986 360 575 ou ben no correo electrónico oficina@minhor. org .

 

TERTULIAS do IEM 2014 -1015

7 de Novembro: Luís Villares Naveira  (Lugo, 1978) / Maxistrado, Coordinador en Galicia da Asociación Xuíces para a Democracia, fundador da Irmandade Xurídica Galega.

12 do Nadal: Xurxo Manuel Souto Eiroa (A Coruña, 1966) / Cantante, acordeonista, escritor, locutor e licenciado en filoloxía clásica.

9 de Xaneiro: Iolanda Pérez Zúñiga (Vigo, 1975) / Escritora

6 de Febreiro: Roi Casal Figueira (Catoira, 1980) / Músico, cantante e compositor.

6 de Marzo: Luis Dávila “O Bichero” (Pontevedra, 1972)/ Deseñador gráfico, debuxante, humorista.

10 de Abril: María Begoña Bas López (Vigo, 1953) / Profesora e etnógrafa.

8 de Maio: Víctor Urgorri / Biólogo