Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda O ciclo “Cine e Memoria II” acolle o documental “O meu nome é Luis Ferreiro” este mércores no IEM.

O ciclo “Cine e Memoria II” acolle o documental “O meu nome é Luis Ferreiro” este mércores no IEM.

Correo-e Imprimir PDF
luis ferreiro

O Ciclo Cine e Memoria II acolle este mércores 8 de outubro (20:30 horas) a exhibición do documental O meu nome é Luís Ferreiro. Unha historia do antifranquismo galego  (Galicia, 2010). O filme dirixido polos vigueses Roi Caxiao e Fernando Llor, transita pola vida de Luis González Vila “Ferreiro”, militante comunista na clandestinidade durante o franquismo.  O traballo aborda diferentes etapas e cuestións relativas á loita contra a ditadura en Galicia: guerrilla, exilio, emigración, e a estratexia da folga nacional pacífica non tramo final do réxime.

A exhibición enmárcase no ciclo “Cine e Memoria II”, organizado polo Instituto de Estudos Miñoranos, como parte da homenaxe anual que lembra a memoria dos miñoranos asasinados na Volta dos 9.  A actividade terá lugar  na Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira, 10, baixo Gondomar. A entrada é libre.

Luis “Ferreiro” participará da exhibición e dun coloquio.

O filme de 70 minutos está producido por Kinoglaz e conta co asesoramento histórico de Víctor Santidrián e Xesús Alonso Montero . No pase da película estará presente o protagonista, Luís González Vila (Vila de Cruces, 1939), con quen se desenvolverá un coloquio trala exhibición .

Con 17 años Luís González emigrou a Francia para traballar nunha mina de talco. Durante esa estancia, estivo en contacto con emigrados e exiliados, xunto cos que comezou a súa loita política e afiliación ao Partido Comunista. En 1967 regresou a Vigo onde  desenvolveu unha importante tarefa de organización partidaria e social dende a clandestinidade contra á ditadura de Franco.

Ferreiro, foi o seu nome nesa etapa clandestina, na que percorría Galicia cada 15 días en autobús cunha maleta enchida de propaganda, mentres que a súa muller, Pilar García, integrábase ao movemento  do grupo de empresas Álvarez. A parella arriscou voluntariamente a súa vida durante eses anos, historia na que o filme afonda.