Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda O IEM organiza unha Xeira pola Serra da Groba: Da Cruz de Pao ata A Chan do Cereixo

O IEM organiza unha Xeira pola Serra da Groba: Da Cruz de Pao ata A Chan do Cereixo

Correo-e Imprimir PDF
as xeiras do iem

O Instituto de Estudos Miñoranos (IEM), organiza este mércores 2 de xullo unha visita guiada Da Cruz de Pao ata A Chan do Cereixo, na Serra da Groba. A mesma é de carácter aberto a todo público e terá como punto de partida a Aula de Cultura Ponte de Rosas, na Avenida da Feira Nº10, Gondomar. Dende alí partirá un autobús que levará aos participantes -cun custe de 5 euros-, ata a Groba e finalizado o percorrido os trasladará novamente a Gondomar. Para maior goce da visita, o IEM disporá tres guías: o arqueólogo Xosé Lois Vilar, a profesora Pura González e o botánico Xosé Ramón García.

Descrición do percorrido.

Esta xeira pola Serra da Groba consiste nun paseo por vellos camiños de arrieiros, de xente que ía ao monte á procura dos materiais que precisaba para vivir, xa fosen laxes e pedra, estrume, leña ou tralo gando que ceibe apacentaba nas penichairas da Calzada e As Chans , ou nos cumes do Corno Ladredo, As  Teixugueiras,  ou O Campuchán. Camiños de contrabando e trasfego de xentes que viñan dende as augas do Miño até o punto de saída desta xeira, A Cruz de Pau, lugar de encontro e de xuntanza para tomar acordos . Pasarase por catro concellos e seis parroquias, con tempo para decatarse  do singular da nosa terra, que nomea cada recanto e volta da paisaxe,  por necesidade  para localizar e caracterizar o territorio, e tamén , poeticamente,  para homenaxear a súa vizosa exuberancia e gratificante riqueza natural.

Tamén a historia máis recuada e as súas pegadas nunha paisaxe antropizada polo labor de milleiros de anos, unas veces dun xeito harmonioso e outro, máis agresivo, mais que co paso dos anos se volve tamén belo e engaiolante por mor das historias e lendas que produce.

Dará comezo subindo paseniño, para ir collendo altura e chegar máis perto do ceo, onde a Boca da Groba ten os seus cairos limados pola forza da chuvia e o vento , O Corno Ladredo e todo o Foral da Groba coutado por pedras fincadas en ringleiras quilométricas, subindo do fondal  da Carabatallada onde as augas,  do xa río da Groba, cantan entre os outeiros e as regueiras que baixan do Campo do Lobo polo poñente  e o Niño do Corvo polo leste.

Baixarase pola Calzada e A Gata  cara a outro mundo xeolóxico, no que muda a paisaxe e a vexetación. Dos cumes graníticos, pasarase as toscas de xistos e terras barrosas nas que entre o cuarzo e a andalucita se agocha en pequenas moutas de po o ouro que viñeron a procurar os romanos no Buraco dos Mouros e outras minas a ceo aberto que van de norte a sur por outro nivel estratigráfico.

Ao remate, ás terras sedimentarias que cobren A Chan do Cereixo  e mil lagoas subterráneas que se perciben na pel ao pasar camiñando por riba delas, pisando outra vexetación que da pasto para a gandería extensiva de vacún moi abondosa.

Paleolítico

O percorrido da Xeira estará próximo a dous xacementos  importantes da zona: A Chan do Cereixo e As Campurras. A primeira do paleolítico máis antigo de Galicia e o segundo onde se atopa unha das aldeas máis antigas coñecidas no país. Ambas as dúas obxecto de intervencións da Sección de Arqueoloxía do IEM.

Megalitismo:

Da Idade de Pedra grandes  monumentos funerarios que deixan pegada na paisaxe e na toponimia. Entre 6000 e 4000 anos . Moito traballo e custo para honrar aos mortos: Mámoa do Campo do Feno, Mámoa da Cruz de Pao,  Mámoa da Meniña das Chans, Mámoa do Escampado dos Porcos.

Toponimia

Hidrónimos,  Fitotopónimos,  Antropónimos…  toda a terra nomeada dá moita información sobre o pasado, a morfoloxía e xeoloxía, os usos e as crenzas dos que a habitan ou habitaron.

As burras do monte

Hai na Groba , entre outras  riquezas e valores patrimoniais e naturais, unha  particularmente salientable por singular : o equs ferus atlánticus, os garranos que viven ceibes no monte.

Detalles

A Xeira terá lugar o vindeiro mércores 2 de xullo. O punto de encontro será ás 17 horas na sede do IEM , na Avenida da Feira nº10, baixo en Gondomar.  Partirase nun autobús que  levará ata o inicio do percorrido na Cruz de Pao  para logo recoller o grupo ao final e traelo novamente a Gondomar. Por calquera información está dispoñible o correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo .