Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Parada celebrará o Enterro do Kiko un #Entroido con sinal de identidade propia.

Parada celebrará o Enterro do Kiko un #Entroido con sinal de identidade propia.

Correo-e Imprimir PDF
enterro-kiko
velorio-kiko
  • Anterior
  • 1 of 2
  • Seguinte

-O sábado 8 de marzo a parroquia de Parada vivirá o seu particular e xeitoso Entroido parroquial coa procesión e posterior "Enterro do Kiko", a partir das 19:30 horas.
-Foguetes de artificio, música de charanga e obsequios para os máis pequenos son algúns dos atractivos que amenizarán esta festa parroquial onde unha pequena ave despraza dende 2008 á tradicional Dona Sardiña.


O Entroido dará comezo ás 19:30 horas no torreiro de festas de Parada onde terá lugar o "velorio" do plumífero. Posteriormente un solemne cortexo veciñal levará ao Kiko por toda a parroquia ao son da música da charanga Vaite Xa. Finalmente darase paso á lectura do tradicional Pregón que antecederá ao "V Enterro do Kiko" en medio de foguetes e agasallos para os máis pequenos que acompañen a procesión. A queima dun gran moneco que representa ao personaxe central do Entroido, e na que os veciños levan traballando máis dun mes, pechará a cerimonia.
Os actos desta V edición do Enterro do Kiko están organizados polo Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor, a Comisión de Festas Santiago e Santa Ana 2013/2014 e a Comunidade de Montes en Man Común de Parada. O Concello de Nigrán e empresa Pirotecnia Argimiro Albores tamén achegaron colaboracións para a festa.
O Kiko, un sinal de identidade parroquial
O Enterro do Kiko comezou a súa andaina en 2008 cando un grupo de veciños do entorno do Centro Cultural decidiron celebrar o Entroido cun sinal propio de identidade. "Decidimos adoptar o símbolo do Kiko porque en todas as casas da parroquia hai "quicos", unha ave da familia das galiñas, pero máis pequena", sinala Beatriz Fernández Magán, integrante do equipo de organización.
"Este símbolo xa forma parte da nosa identidade como parroquia", engade Beatriz . O particular plumífero é o símbolo que representa o Centro Cultural de Parada.