Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Presentación do libro “Pontevedra nos anos do medo” de Pepe Álvarez no IEM

Presentación do libro “Pontevedra nos anos do medo” de Pepe Álvarez no IEM

Correo-e Imprimir PDF
pontevedra anomedo

Este venres 29 de novembro ás 20:30 horas terá lugar a presentación do libro de Pepe Álvarez,Pontevedra nos anos do medo, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10, baixo, Gondomar). O acto no que contará coa presenza do autor, será presentado polo director do IEM, Carlos Méixome.

O libro

Resultado de varios anos de investigación,Pontevedra nos anos do medocéntrase na represión levada a cabo na comarca de Pontevedra tras o golpe militar de xullo de 1936. O enfoque divulgativo desta obra combínase cun tratamento sistemático e global do tema, que se estrutura en tres grandes apartados: a situación político-social previa á sublevación, a trama conspiratoria coa execución do golpe, e os axentes e mecanismos da represión posterior. O emprego de fontes documentais inéditas, así como de testemuños orais, contribúe a proporcionar un tratamento novidoso no estudo do fenómeno represivo, concedendo especial atención ao achegamento ás historias da vida das vítimas.

O autor da obra, Xosé Álvarez Castro, salienta a necesidade de divulgar, de contar o que aconteceu, porque a investigación perde o seu sentido cando non se perfecciona coa divulgación, e como dixo a escritora Dulce Chacón, «somos vítimas do silencio dos nosos pais e responsables da ignorancia dos nosos fillos».

O autor

Xosé Álvarez Castro (Pontevedra, 1953) é mestre, licenciado en Xeografía e Historia e máster en Educación Ambiental pola UNED. Na actualidade imparte clases de Historia no IES Sanxenxo. Participa activamente no asociacionismo cultural (Cedofeita), de recuperación da memoria histórica (Sempre con Vós. Cidadanía pola Verdade) e renovación pedagóxica (Nova Escola Galega). É autor de numerosos artigos sobre historia, medio ambiente e didáctica en revistas comoCedofeita,Revista Galega de EducaciónouCuadernos de Pedagogía, entre outras, e participou como relator en diversos congresos. Ademais, é autor do blog «Pontevedra nos anos do medo» (anosdomedo.blogspot.com), que o IEM comparte habitualmente nas redes, dedicado á difusión da historia da represión na comarca pontevedresa. En 2011 a Fundación Alexandre Bóveda concedeulle o VI Premio Día da Galiza Mártir á recuperación da memoria histórica. En 2013 publicaPontevedra nos anos do medo. Golpe militar e represión (1936-1939)(Xerais).