Xoves, 4 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Presentación do libro “O extraordinario mundo da Ora Marítima”, de Xoán Bernárdez Vilar.

Presentación do libro “O extraordinario mundo da Ora Marítima”, de Xoán Bernárdez Vilar.

Correo-e Imprimir PDF
capa-xoan-bernardez

O vindeiro xoves 21 de novembro ás 20:30 horas o investigador Xoán Bernárdez Vilar presentará o seu novo libro O extraordinario mundo da Ora Marítima, na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avenida da Feira, 10 baixo, Gondomar). A obra, na que o Val Miñor ocupa un importante espazo,  pescuda no  poema do romano Rufio Festo Avieno (Ora Marítima), unha das fontes máis antigas sobre os pobos que habitaban o noso territorio, e que tras varios anos estudándoa o autor presentoulla como tese de doutoramento en Xeografía, Arte e Historia no ano 2011.

Boa parte do traballo que presentará Bernárdez Vilar, refire a localizacións na xeografía da costa atlántica da toponimia mencionada en Ora Marítima, nomeadamente en lugares pertencentes á bisbarra do Val Miñor e as Rías Baixas. Nese senso, escoitaremos as explicacións do autor sobre os por que identificar a Prominencia do Aryio descrita no poema co Cabo Silleiro, ou o Monte de Venus con Monteferro, onde “o mar brúa arredor de dúas illas inhabitadas a causa da pequenez dos lugares” (Illas Estelas).

O autor

Xoán Berárdez Vilar (Marín, 1936) ten publicada unha abondosa lista de estudos e ensaios históricos.  Doutorado en Xeografía, Arte e Historia, é Académico Correspondente da RAG desde o ano 2003. A súa tese de licenciatura, Antes da invención de América. As descubertas precolombinas do século XV (Univ. De Vigo-Tórculo) foi publicada en 2001. Ao se xubilar realizou o doutoramento , do que a obra a presentar é a súa tese, cuxa versión en castelán (El Mundo antiguo a través de la Ora Marítima de Rufio Festo Avieno), foi editada por Galaxia no ano 2012.