Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Chega o balonmán as praias do Val Miñor co primeiro "Torneo Máster Nigrán".

Chega o balonmán as praias do Val Miñor co primeiro "Torneo Máster Nigrán".

Correo-e Imprimir PDF
Javier Alvarez (FGB), alcalde Alberto Valverde,  concelleira Liliana Silva e  Pablo Dominguez (organización do evento).

O I Circuíto Galego de Balonmán Praia se celebrará esta fin de semana en Nigrán baixo o nome de "Torneo Máster Nigrán". Este evento enmárcase no I Circuíto Galego de Balonmán Praia, organizado pola Federación Española de Balonmán Praia e a Federación Galega de Balonmán Praia, en colaboración co Concello de Nigrán. As probas terán lugar os días 9 e 10, nun torneo que será o único puntuable para o campionato de España de todos os torneos de balonmán praia que se celebran en Galicia.

O alcalde de Nigrán, Alberto Valverde, agradeceu tanto ao representante da Federación Galega de Balonmán Praia, Francisco Javier Álvarez Fernández, como ao responsable da organización desta proba, Pablo Domínguez, por pensar en Nigrán para celebrar esta proba. "A imaxe e o nome dun municipio constrúense tamén a través de actividades deportivas como a que teremos este fin de semana nas nosas praias, e como moitas outras que celebraremos este verán" afirmou Valverde. Neste sentido, sinalou a importancia de conseguir traer eventos destas características a Nigrán como unha ferramenta de dinamización do turismo do municipio.

Pola súa banda, a concelleira de Turismo, Cultura e Deportes, Liliana Silva, destacou a característica diferenciadora deste torneo respecto doutros que se celebran nas praias galegas, "xa que é o único torneo puntuable para clasificar para o Campionato de España e do rexional". A concelleira asegurou que será un espectáculo divertido e digno de ver, e animou a todos os veciños, veciñas e turistas que estean este fin de semana en Nigrán a comprobalo en primeira persoa.

O torneo, que forma parte do primeiro Campionato Galego de Balonmán Praia, celebrarase nas categorías sénior e xuvenil, tanto masculino como feminino. O torneo de Nigrán será o terceiro que se dispute das seis probas que conforman o Campionato Galego (Vilanova de Arousa, Bueu, Nigrán, Vigo, Sanxenxo e A Garda) e a clasificación final do Galego realizarase sumando os tres mellores resultados.

Os equipos están formados por tres xogadores de campo e un porteiro e cada partido consta de dous tempos de dez minutos. Os espectadores que se acheguen ata Praia América ese fin de semana poderán gozar dun gran espectáculo deportivo, con xogadores de gran calidade.

O gol máis espectacular

Paralelo ao desenvolvemento do torneo porase en marcha o concurso "o gol máis espectacular", financiado pola Deputación de Pontevedra. Neste concurso os xogadores farán piruetas e xiros nos instantes previos á gran final e que demostrará que este deporte é un verdadeiro espectáculo.

A achega dos patrocinadores é tamén fundamental para a celebración do evento, que nesta ocasión conta co respaldo da tenda Balonmán.com como principal patrocinador, Mazda-Augasa e A Caixa.