Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda O IGADI convoca para unha Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla o próximo 7 de xaneiro.

O IGADI convoca para unha Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla o próximo 7 de xaneiro.

Correo-e Imprimir PDF
Fernando Pérez Barreiro

O Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), convoca para o venres 7 de xaneiro de 2011, ás 20:00 horas no Hotel Bahía de Baiona, un acto cívico en memoria de Fernando Pérez-Barreiro Nolla (Ferrol, 1931-Lancaster, 2010), quen fora membro do Consello Asesor do IGADI. Fernando Pérez-Barreiro Nolla foi galardoado polo Consello da Xunta de Galicia coa Medalla Castelao 2009, que premia a obra humana, artística ou cultural.

Posuidor dunha ampla traxectoria intelectual e no eido da tradución lingüística, en 1972 publicou (Vigo, Galaxia) a primeira tradución galega de Macbeth. Os seus coñecementos de chinés, adquiridos nos anos 1980, permitíronlle publicar en 1982 (Vigo, Xerais) unha antoloxía de narrativa curta chinesa moderna, Flores e leña, sendo as primeiras versións directas do chinés ao galego.

Tamén traduciu Alicia no país das marabillas e Alicia ao outro lado do espello (Lewis Carroll), canda a súa dona Teresa Barro, e o primeiro deses títulos valeulle o premio Nacional de Tradución de Libros Infantís e Xuvenís, a nivel estatal (1985).

Nos anos 1990 impartiu cursos de tradución en universidades inglesas

(Westminster, Thames Walley) e europeas (Granada, Lisboa). En 2005 confeccionou un Breviario do pensamento clásico chinés co que obtivo o premio Plácido Castro de tradución, ano en que tamén recibiu o Pedrón de Honra.

Participante e animador do Grupo de Traballo Galego de Londres, prestou especial atención á dinamización do mundo educativo, con iniciativas e reflexións orientadas a fomentar un espírito crítico e creativo.

A súa relación con Galicia mantívose a través das traducións do inglés ao galego e do seu labor como membro do consello asesor do IGADI. Tamén escribía con regularidade para publicacións galegas, como A Nosa Terra, Tempos novos ou Tempo exterior.

Foi membro correspondente da Real Academia Galega e integrante da Comisión de acción exterior do Consello da Cultura Galega. En 2007 foi obxecto dunha homenaxe con motivo do Día Internacional da Tradución.