O mago compostelán Xacobe Sanz actuará este sábado 27 en Gondomar, dentro da II Mostra de Maxia, organizada pola Concellería de Cultura. “Ilusións Máxicas”, o nome do seu espectáculo, combina toda a fantasía da maxia coa frescura da improvisación teatral. Trátase dun espectáculo humorístico de intriga, evasións, adiviñanzas, revelacións e algunha que outra levitación. A interacción co público é un dos puntos fortes da súa proposta. A combinación des distintas vertentes da maxia dá coma resultado un espectáculo ideal para toda a familia.
O Mago Xacobe percorreu cos seus espectáculos grande parte do territorio nacional, en máis de 800 actuacións. A elas hai que engadir múltiples aparicións televisivas (TVG, TVE, La2, etc.) así como participacións como actor en series e curtas. O espectáculo, que conta coa colaboración da Axencia Galega das Industrias Culturais, será no Auditorio Municipal Lois Tobío ás 22.00 horas. As entradas, ao prezo de 3.5 euros, poranse á venda unha hora antes en taquilla.
Último concerto nas parroquias
A oferta de ocio e cultura desta fin de semana en Gondomar complétase coa última actuación do ciclo Música nas Parroquias. O concerto será no Centro Cultural de Vilaza, mañá sábado ás 19.30 horas. Actuará a Agrupación Musical de Vincios.