A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, visitaron hoxe o miradoiro do Cortelliño na Serra da Groba. Este será un dos enclaves beneficiados dunha subvención autonómica próxima aos 2 millóns de euros a repartir entre máis de 100 destinos turísticos.
Esta liña de subvencións ten por obxectivo dotar ao medio rural de Galicia das infraestruturas e sinalización adecuadas para que se converta nun destino accesible para todos a través da adecuación dos recursos, segundo explican dende a Xunta de Galicia.
Os enclaves onde se vai actuar na súa adecuación e sinalización serán os espazos naturais, as rotas de sendeirismo, as praias marítimas e fluviais, os bens de interese cultural e os miradoiros. Concretamente vanse levar a cabo a construción, ampliación ou mellora de aparcadoiros para o acceso aos recursos turísticos, a pavimentación dos accesos, pasarelas, ramplas e eliminación de barreiras arquitectónicas, a construción, rehabilitación ou mellora das instalacións que contribúan a mellorar os accesos e circulación dos visitantes e a dotación de equipamentos das referidas instalacións, a rehabilitación ou mellora da accesibilidade dos espazos naturais e a dotación de equipamentos nestes, así como a sinalización, información visual e información táctil.
Nava Castro lembrou que, ademais do acondicionamento do miradoiro do Cortelliño, tamén se acondicionará na comarca de Vigo, o fomento da accesibilidade e sinalización dos recursos turísticos do medio rural do concello de Mos, a colocación de 33 paneis informativos e interpretativos no concello de Nigrán e as actuacións de posta en valor e uso público do río Maceiras no concello de Redondela.