O Concello de Baiona aprobou onte en pleno o requirimento previo para a adxudicación do contrato de concesión do servizo do auga á empresa Gestagua. De presentar dentro dos próximos dez días a documentación solicitada o contrato de adxudicación ficará firmep olos próximos vinte anos e por un total de 41 millóns de euros .
A proposta foi presentada ao pleno polo goberno local cun informe técnico. A mesma saíu adiante cos votos dos nove concelleiros do PP fronte aos oito da oposición que defendía unha municipalización do servizo.
A oposición a prol da municipalización do servizo
Os voceiros do PSOE, BNG e EU-SON pronunciáronse días previos ao pleno a favor da municipalización do servizo. Coincidían en argumentar que vistas as ofertas acadadas, as ganancias que redundan da xestión poderían abocarse totalmente ás arcas municipais. E non só nas porcentaxes de inversión fixadas no convenio coa xestora privada ou o canon. Ambas as dúas de menor cuantía.
O goberno a prol da nova concesión
Segundo o goberno de Vázquez Almuíña a oferta de Gestagua suporá un menor custo total unitario da explotación do ciclo integral do auga do 1,07 %. Aspecto, sinalan, que influirá directamente no prezo, e repercutirá positivamente no peto dos baioneses que experimentarán unha rebaixa na tarifa do auga do 3 %.
Gestagua, substitúe así á empresa privada que xestionaba até de agora o abastecemento municipal e tras presentar unha alegación ao concurso que orixinalmente lle fora adxudicada a Espina y Delfín.De feito Gestagua quedara segunda no primeiro concurso.
Informa o goberno municipal que Gestagua aumentou en 600.000 euros a base de investimento obrigado que recollían as bases que rexeron o concurso. O prego da convocatoria establecía a obrigación de investir 800.000 euros durante o primeiro ano en obras de mellora en saneamento e abastecemento de auga. O mesmo será destinado á renovación de tuberías e servizos nas rúas Marqués de Quintanar, Cidade de Vigo e Laureano Salgado, segundo adiantou o concello.
Ao saneamiento e abastecemento de auga, súmaselle por primeira vez a xestión das augas pluviais, de todos os bombeos e subministros eléctricos e das analíticas periódicas nos centros educativos. Deixarán así de saír das arcas municipais preto de 100.000 euros que custan estes servizos, afirma a administración local.
Dentro do informe publicado pola administracións, afírmase que incrementarase o canon a un 27 %. Tamén a empresa deberá revisar cada ano un 10 % dos 98 quilómetros de tuberías de auga e saneamento que percorren Baiona para poder advertir de deficiencias e presentar proxectos de prevención. Todos estes parámetros foron confirmados pola propia mesa de contratación xa que Gestagua foi a que mellor valoración conseguiu tras Espina y Delfín.
O Alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuiña, manifestou que este novo contrato de concesión supoñerá para os veciños unha importante mellora no servizo con baixada do prezo do auga.