A tarde ameazaba choiva mais rematou sendo ideal para para camiñar "pola agradable temperatura e o doado camiño que percorremos dende A Chan da Lagoa ata o núcleo de San Cosme e a Fonte Santa", sinala o profesor Xilberte Manso do Instituto de Estudos Miñoranos. Salienta a presenza de polo menos 180 persoas entre veciños e visitantes que concorreron á convocatoria do IEM a esta visita guiada polo mozo de Baíña e historiador baionés, Anxo Rodríguez Lemos, da Sección de Historia, Arqueoloxía e Toponimia do IEM.
O percorrido transcorreu cun "completo e pormenorizado relato histórico, adobiado con anécdotas e testemuñas dalgúns dos últimos antigos habitantes nativos da aldea, que Anxo soubo enfiar cronoloxicamente e moi ben documentado", engade Xilberte Manso.
O calendario das Xeiras do IEM continuará cunha andaina pola Estrada Real da Ponte da Ramallosa até a antiga porta de entrada a Baiona. Será o vindeiro mércores 5 de agosto ás 18 horas e contará coa novamente coa guía de Anxo Rodríguez Lemos, acompañado do arquitecto Antonio Soliño Troncoso e o director do IEM, o historiador Carlos Méixome Quinteiro.