A medida puido coñecerse tras un comunicado do BNG que ve cumprido un reclamo da oposición máis rexeitan o horario. Os nacionalistas reclaman a celebración en horas que permitan a asistencia da veciñanza. A decisión se tomará no pleno extraordinario convocado para o vindeiro xoves 18 de xuño.
O Concello de Baiona convoca Pleno Extraordinario co fin de dar cumprimento legal ao precepto polo cal, tras a constitución da Corporación Municipal e designación de Alcalde debe convocarse un novo Pleno Municipal no que se aprobe a periodicidade dos mesmos, a creación e composición das Comisións Informativas Permanentes, os nomeamentos dos representantes da Corporación en órganos colexiados e coñecemento das resolucións do Alcalde en materia de nomeamentos de Tenentes de Alcalde, membros da Comisión de Goberno e presidentes das Comisións informativas, así como das delegacións que a alcaldía estime oportuno conferir.
Respecto á periodicidade dos Plenos, o Bloque Nacionalista Galego reclamou a súa celebración mensual, cando no mandato anterior, o PP decidiu reducilos a bimestrais, o mínimo legal. "A pesares de que a nova proposta do Partido Popular recupera a tradicional periodicidade, non resulta suficiente xa que erra no horario dos mesmos. Debe fomentarse a asistencia aos Plenos Municipais dos baioneses e baionesas, e a súa celebración a partires das doce da mañá é un atranco considerable nesta labor".
Tras a celebración do Pleno Municipal o vindeiro xoves, o Bloque Nacionalista Galego adianta que enlazará a documentación relativa ao mesmo, o seu posicionamento final sobre cada punto e conclusións, co fin de achegar as decisións adoptadas pola Corporación Municipal aos baioneses e baionesas.