O BNG vén de reclamar no Congreso dos Deputados un millón de euros para recuperar as baterías do Silleiro e indemnizar aos expropiados. O fan a través dunha alegación aos Orzamentos Xerais na que sinalan que o espazo patrimonial foi "degradado desde su abandono por parte do exército español", e reclaman a inversión para acondicionalo para o uso público.
O Bloque Nacionalista Galego, insta ao Goberno do Estado a que modifique os seus Orzamentos Xerais co fin de que se dote unha partida dun millón de euros que permita a recuperación do entorno das baterías de Silleiro, de tal forma que se converta "nun espazo de lecer para os baioneses e baionesas e do mesmo xeito se chegue a indemnizar aos antigos propietarios".
Sinalan que estes viron no seu día "como o Estado Español, de mans do ditador Franco, secuestraba as súas terras sen percibir a cambio ni un só peso, nunha pantomima de obrigada".
Lembran que xa no ano 2008 o BNG reuníuse con representantes dos afectados, na súa maioría herdeiros dos titulares dos máis de 70.000 m2 de terra expropiados para a construción da Batería. Daquela a deputada do BNG en Madrid visitou as instalacións da antiga Batería en Baredo xunto con varios membros do BNG e o presidente dos propietarios dos terreos afectados.
Posteriormente preguntouse no Congreso dos Deputados pola situación dos terreos de Silleiro, e da posibilidade de "indemnización aos herdeiros e herdeiras e o futuro uso que se lle poida dar ás instalacións da Batería".
Sinalan que a reacción do PP "non se fixo agardar e dende o Concello se explicou na prensa que se estaba a colaborar cun grupo de espeleólogos para revitalizar e reutilizar as instalacións abandonadas. Sen embargo, dende o Concello non se fala do tema das indemnizacións aos familiares dos propietarios que se quedaron sen tomadas durante o réxime franquista".
Aseguran dende o nacionalismo que "no 2014 e a situación sigue estancada, con continuas promesas e proxectos no aire" desde a administración do popular Jesús Vázquez . Repróchanlle ao rexedor non ter o "valor suficiente para alzar a voz ante os seus no Goberno de España. Si non mudan as actitudes terán que mudar as persoas", afirman.