A instalación de postos de venda ambulante na tempada alta turística sempre trae polémica co comercio establecido. Dende hai días, unha vintena de postos están a comercializar diversos produtos na franxa litoral de Baiona e dende a súa instalación veciños e comerciantes da zona están a facer sentir o seu desagrado polo que consideran "competencia desleal". O PSOE de Baiona pronunciase ao respecto e entende que é incomprensible que o Concello autorice a instalación do mercadillo "afectando letalmente os intereses do comercio local". "En Baiona non vale todo" salientan. A agrupación socialista opina que este tipo de actuacións "feitas sen ningún criterio de calidade e de idoneidade non favorecen a proxección de Baiona como un destino de calidade".
"A situación da profunda crise que estamos a padecer e logo de un longo inverno, os comerciantes e hostaleiros do noso concello estaban esperando a temporada estival para poder recuperar as perdas que están a sufrir", sinalan nun comunicado.
Acusan ao alcalde Vázquez Almuíña de non ter un proxecto "consensuado da economía" local e de actuar "de un xeito improvisado e irresponsable" que afonda o "debilitamento económico do xa maltrecho sector empresarila de Baiona".
A Agrupación Socialista de Baiona esixe ao alcalde popular a suspensión de dito mercadillo e a elaboración de un plan estratéxico de recuperación e dinamización económica de Baiona. "Non podemos prolongar por mais tempo esta situación de parálise na que nos está meter a falta de iniciativas por parte do goberno local", afirman.