Venres, 6 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona As obras na céntrica Avda. Pereira Troncoso de Sabarís continuarán durante o mes de xullo.

As obras na céntrica Avda. Pereira Troncoso de Sabarís continuarán durante o mes de xullo.

Correo-e Imprimir PDF
troncoso sabaris

Adxudicadas en xullo de 2013 coa condición de rematar a actuación nun mes, as obras na Avenida Pereira Troncoso de Sabarís aínda están en curso. Os traballos comezaron a mediados de xaneiro pasado, mais problemas de orden climatolóxico, segundo as autoridades, levaron a postergar o remate. Este xoves o alcalde Jesús Vázquez e o presidente da deputación, Rafael Louzán percorreron a zona acompañados de comitiva e medios. Prometeron a conclusión das mesmas para este mes de xullo e salientaron “a boa marcha dos traballos”. Entre mentres, comerciantes e veciños da zona día si e outro tamén protestan e denuncian os prexuízos ca demora está a provocar.

Que din os veciños e comerciantes?

Denuncian que as obras que comezaron o 16 de xaneiro arestora seguen. Que o alcalde de Baiona, daquela prometeu cas mesmas estarían prontas en tres meses, aínda que o documento da adxudicación sinala tan só 30 días. Engaden que cada día reciben unha escusa diferente. Entre mentres ten que soportar barreiras  que impiden o  acceso en dirección a Sabarís. “Seguimos con sinais na contorna que convidan a non entrar en Sabarís”, protestan os comerciantes. “Estamos en verán!”, salientan dende os comercios que reciben a principal tempada de traballo con estes inconvenientes.

As obras

As obras da avenida José Pereira Troncoso, que está a executar Construcciones Crespo, contan cun orzamento de preto de 295.137€. As actuacións comprenden a humanización da avenida, coa substitución e mellora das redes de recollida de pluviais, saneamento e abastecemento, así como o soterramento dos cables eléctricos e de telecomunicacións, que se comezará a vindeira semana, ó que se suma a renovación do pavimento e a sinalización horizontal e vertical da rúa.

Trátase dun dos eixes de circulación más importantes do municipio, polo que a avenida soporta unha elevada intensidade de tráfico. Esta presentaba unha notable deterioración do firme da calzada e das beirarrúas e unha sinalización deficiente, así como unhas instalacións obsoletas de saneamento, abastecemento e outros servizos, segundo da conta a Deputación de Pontevedra nun comunicado.