Ante a negativa do Concello de Baiona a pechar a rúa Julian Valverde para a realización do evento a Asociación Castro e Ladeira decide cancelar a festa gastronómica. Así o fixo saber o colectivo nas redes tras entender que nesas circunstancias "non podemos garantir a comodidade nin a seguridade dos participantes a devandita festa". Aseguran que o Concello propuxo como "única solución" a utilización das beirarrúas ou as proximidades á praza Vitoria Cadaval. "Non nos parece apropiado celebrar unha festa gastronómica nas beirarrúas do noso pobo mentres circulan os coches, por motivos obvios", argumenta o colectivo. Ademais de que calquera descoido podería converterse nun accidente "cousa que queremos evitar custe o que custe", salientan.
Agregan que esta negativa da administración do rexedor Jesús Almuíña "súmase á longa lista de trabas e negativas que continuamente recibimos por parte do Concello de Baiona á hora de levar a cabo as nosas actividades". Quéixanse que non autorizan un peche temporal para unha actividade lúdica, mais "se pecha ao tráfico cada semana sen ningún tipo de inconveniente". Denuncian que "non é si non outra mostra da falta de apoio que a miúdo sufrimos por parte da nosa administración local".
A Asociación Castro e Ladeira lamenta "profundamente ter que chegar ata este punto" e pide desculpas "a todos os nosos socios e/ou colaboradores" por esta cancelación que advirte se fai por "motivos alleos" á vontade do colectivo.
Lamentamos profundamente ter que chegar ata este punto. Pedimos desculpas a todos os nosos socios e/ou colaboradores.