O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato salientaron hoxe o compromiso do Goberno galego no acceso ao deporte das persoas con discapacidade
Fixérono no acto de clausura do Curso de Vela Adaptada 2013-14, que tivo lugar no Monte Real Club de Yates de Baiona. Rueda relatou que o Goberno galego está a renovar a Lei de accesibilidade que leva vixente máis de 15 anos, intentando dar solucións a problemas moi básicos do colectivo de persoas con discapacidade.
Lembrou ademais que cando se renovou a Lei do deporte, se incluíu un artigo específico para contemplar o fomento da actividade deportiva neste colectivo.
Máis en xeral, comentou que o Goberno galego está renovando a lei de accesibilidade, que leva vixente máis de 15 anos, intentando dar solucións a problemas moi básicos do colectivo de persoas con discapacidade.
Tamén mencionou que no último ano asinouse un convenio para mellorar a accesibilidade dos colexios electorais para garantir o dereito ao voto e puxéronse en marcha iniciativas para que as persoas con discapacidade auditiva poidan contactar co servizo de urxencias do 112.
Mato salienta o labor do Real Club de Yates e as entidades miñorás.
Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou que o labor que vén desenvolvendo o 'Monte Real Club de Yates Baiona e as entidades que traballan coas persoas con discapacidade do Val Miñor contribúe a facer de Galicia "unha sociedade máis inclusiva e cun maior nivel de benestar".
Salientou que un dos obxectivos do Goberno galego é acadar que a práctica deportiva sexa accesible para todos os galegos e galegas e, neste senso, lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar converteu ao deporte nun dos dez eixos operativos do Plan de Acción Integral para a Discapacidade. Tamén lembrou que a Xunta está a executar o Plan Galego para o fomento da actividade física, 'Galicia saudable', unha estratexia que contempla a discapacidade de maneira transversal e inclúe medidas de integración específicas para este colectivo.
En definitiva, Mato asegurou que o Goberno galego traballa neste eido nun dobre obxectivo: mellorar a saúde dos galegos e galegas a través do deporte e actividade física e facer de Galicia unha Comunidade máis integradora e inclusiva.