Manuel Caride, responsable comarcal do BNG en Vigo será xulgado por pintar un mural coas cores do país e a mensaxe “Galiza Nación” no alto da Groba no final dunha etapa da "Vuelta" ciclista en 2013 logo de ser multado pola Garda Civil.
O BNG convoca unha concentración de apoio o día 20 de marzo ás 10:45 horas diante do xulgado de Paz de Baiona durante a celebración do xuízo.
Manuel Caride, responsable comarcal do BNG en Vigo, sentarase no banco nun xuízo de faltas por uns murais que fixo coa bandeira galega e a mensaxe “Galiza Nación” no Alto da Groba, en Baiona, final dunha das etapas galegas da Vuelta a España 2013.
Segundo informa nun comunicado, o BNG convocou un acto de solidariedade nos exteriores do xulgado de Paz de Baiona, onde se celebrará o xoves a partir das 10.45 horas o xuízo por mor dunha denuncia presentada pola Garda Civil. Os axentes identificaron ata catro persoas, pero só presentaron denuncia contra Manuel Caride, segundo denuncia o Bloque na súa nota, na que explica que o obxecto dos murais era “a visibilización de Galiza e da súa bandeira”, dentro das “típicas pintadas” de ánimo aos ciclistas.
O BNG sostén que o seu labor reivindicativo e de denuncia social “non lesiona os bens patrimoniais da sociedade”, senón ao contrario “exemplifica o compromiso do nacionalismo coas prácticas democráticas máis elementais”. A formación nacionalista denuncia de paso “os continuos esforzos” do PP de “calar a voz da cidadanía” ao promover “leis propias dun estado de excepción”.
Non é este un feito illado. Espectadores e siareiros teñen denunciado como, en distintos eventos deportivos (etapas da Vuelta, Multiusos Fontes do Sar, estadio Zorrilla...), as forzas de seguridade lles requisan bandeiras galegas coa estrela vermella. O Goberno central xustificou sen reparos o ano pasado esas accións, se ben despois o Valedor do Pobo reprendeu o Executivo pola medida.
--
Coa colaboración de Galcia Confidencial e Sermos Galiza