Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona A parlamentaria do BNG Olaia Fernández repite en Baiona a súa charla sobre as consecuencias da reforma local

A parlamentaria do BNG Olaia Fernández repite en Baiona a súa charla sobre as consecuencias da reforma local

Correo-e Imprimir PDF
Deputada Olia Fernández Davila (BNG)

A representante do BNG no Congreso de los Diputados afondará, tal e como fixo a pasada semán en Gondomar, na perda de competencias que a reforma prevé para os concellos de menos de 20 mil habitantes. Entre elas a posible diminución ou accesibilidade das asociacións locais para acceder a axudas e subvencións.

O BNG de Baiona realizará este venres, a partires das oito e cuarto da tarde, na Praza de Abastos de Baiona, unha charla informativa na que porán de manifesto as consecuencias da reforma local promovida dende o Partido Popular que segundo manifestan supún  un recorte e privatización dos servizos así como a "invasión" de competencias municipais en beneficio das deputacións.

No encontro participará o responsábel local do BNG de Baiona, Xosé Manoel Marcote, o portavoz do grupo municipal Iago Pereira, e a deputada no Congreso dos Deputados, Olaia Fernández Davila.

A reforma local

Segundo denuncia a formación nacionalista, "a reforma local é un paso máis na “estratexia xeral” de recortes que está a aplicar o Partido Popular na sanidade, na educación ou na dependencia. Neste caso, co agravante de que se invaden competencias directas dos concellos a favor das deputacións, pese a que os primeiros son a administración máis próxima e ten un coñecemento claro dos problemas dos veciños e das veciñas, todo o contrario do que sucede coas deputacións."

"Estamos ante unha reforma lexislativa que implica redución de servizos públicos á cidadanía, redución do benestar e redución da democracia, xa que resta competencias aos concellos elixidos pola cidadanía para recentralizar esas competencias nas deputacións, que non son de elección directa.  Entre os servizos afectados: asistencia social a domicilio así como as prestacións que dependen dos traballadores e traballadoras sociais dos concellos, centros de día, políticas de dinamización de emprego, escolas infantís, comedores escolares ou as prestacións deportivas e culturais."

O BNG alerta que a reforma local persege a "laminación" dos concellos, quitándolle as competencias en determinados servizos para transferilos e concentralos nas deputacións como paso previo a súa privatización.