Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Socialistas contrarios á suba da taxa do lixo que presentará no pleno o PP de Baiona.

Socialistas contrarios á suba da taxa do lixo que presentará no pleno o PP de Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
pleno preferentes baiona abril 2013

-O PSOE advirte que tampouco apoiará unha moción da maioría popular no pleno deste xoves, para subir as tarifas da auga e a rede de sumidoiros nun momento onde os efectos da crise e os recortes afectan con dureza á poboación.

A portavoz, Isabel Domínguez Quintas (PSOE) denuncia que non foi até este martes, 24 horas antes do sesión,  cando a alcaldía deu a coñecer que presentará unha moción co fin de incrementar nun 5,5% a taxa da recollida do lixo. Segundo a concelleira, o rexedor Jesús Vázquez Almuíña, o fixo sen levar a proposta á Comisión Informativa do Pleno.

Os socialistas entenden que a proposta “non foi tramitada conforme á legalidade”, xa que non se trata dun tema urxente que xustifique presentalo sen un informe previo.  Adiantan que a suba non contará cos votos do PSOE, por tratarse dun servizo que presta directamente o Concello.  Agregan que por riba o salario dos funcionarios que o prestan foi “conxelado” , e o servizo é “totalmente deficiente”, como o demostran “o estado dos colectores e o cheiro que desprenden”.

O gobernante PP presentará mocións para aumentar a tarifa da auga e o saneamento

Os socialistas tamén votarán en contra da subida destas taxas e proporán que o incremento (que por mor do convenio asinado debe ser igual ao IPC), o asuman as arcas do municipio sen repercutir nos petos dos cidadáns. Nesta liña, sinalan que os veciños de Baiona sofren a crise “en primeira persoa; paro, co-pago farmacéutico, incremento de taxas, recortes de servizos sanitarios, educativos, recortes salariais, etc,” mentres que o Concello “ incrementa esas cargas subindo as taxas locais coa “única finalidade de facer fronte aos soldos dos políticos, a gastos de representación,  e viaxes.

Baiona: un concello “sen débeda pública” pero tamén “sen investimentos públicos”.

Isabel Domínguez opina que isto é “totalmente oposto ao que predican noutros concellos como o de Vigo”. Situación que entende está agravada polo feito de que en “as partidas orzamentarias  previstas para inversión no orzamento anterior destinaronse ao pago da débeda municipal. Unha acción que a socialista sinala como á “incapacidade” da administración popular liderada por Jesús Vázquez Almuíña, que non executou “nin un só dos proxectos previstos. Polo tanto en Baiona non existe débeda pública pero tampouco investimento público”, sostén.  Sendo as partidas de retribucións aos cargos políticos, os gastos de representación e as partidas para viaxes “as únicas que non sufriron recorte e que o goberno local conseguiu executar nun 100%”.