O tradicional mercadillo de Sabarís volveu á Rúa Julián Valverde logo dun ano do seu traslado provisional á Ladeira. O remate das obras de humanización na rúa céntrica de Sabarís permitiron que os postos de venda puideran abrir esta mañá nos lugares adxudicados polo Concello de Baiona. A nova instalación do mercado trouxo algunhas modificacións no que respecta aos lugares de aparcadoiro para os feirantes, así como unha nova localización nalgúns postos que non se presentaron ou chegaron tarde á convocatoria realizada semanas atrás pola administración local.
Salvo algunhas protestas de comerciantes que sufriron o traslado do seu lugar habitual de venda ou a modificación do espazo dispoñible, a feira desenvolveuse con normalidade. Nembargante si ocorreron varias caídas de viandantes que non sortearon ou despistáronse ante os "tropezóns" colocados ao longo da rúa para evitar o aparcamento de automóbiles.
No transcurso da mañá, o mercado foi visitado por técnicos e concelleiros municipais que observaron o respecto dos comerciantes ante as novas ordenanzas de funcionamento. Tamén o alcalde Vázquez Almuíña visitou a feira acompañado de autoridades da Xunta de Galicia, entre os que se atopaba o vicepresidente, o conselleiro Alfonso Rueda.