Domingo, 8 Dec. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona O BNG estuda impugnar o Pleno Extraordinario celebrado en Baiona

O BNG estuda impugnar o Pleno Extraordinario celebrado en Baiona

Correo-e Imprimir PDF
preferentes baiona

O BNG anuncia que ten a estudo a impugnación do derradeiro pleno celebrado o pasado 22 de maio. Os nacionalistas sinalan que o alcalde Jesús Vázquez Almuíña tería violado a Lei de Bases de Réxime Local ao impedir o ingreso a sala do público que manifestaba o seu rexeitamento á estafa das preferentes.

 

O seu portavoz Xosé Marcote Gil, sinala que no momento do comezo do Pleno Municipal a presenza de público era escasa, habendo múltiples bancadas baleiras. Namentres, no exterior, unha trintena de estafados e estafadas polas preferentes e subordinadas pretendían acceder ao salón de plenos, mais a Policía Local o impediu , "sen argumentar xustificación algunha. Ás únicas instalacións ás que se lle deu autorización de acceso foi ao Rexistro Municipal e só a unha persoa", sinala.

Relata Marcote que ante esta situación a concelleira do BNG, Ana Mª Rodríguez, interpelou ao Alcalde o por que de non permitir o acceso ao Pleno habendo espazo para elo," ao que o Alcalde calou e non deu ningunha resposta" . Acto seguido, os concelleiros do Bloque Nacionalista Galego anunciaron que ante esa situación abandonaban o Pleno por estar en desacordo coa actitude mostrada polo Grupo de Goberno.

Os nacionalistas lembran nun comunicado emitido este venres que segundo a Lei de Bases de Réxime Local (Art. 70.1) "a celebración dos plenos municipais son públicos. Xa que logo, a actitude represiva do Alcalde e a súa Corporación Municipal supuxeron unha contradición coa lexislación vixente, feito que o Bloque Nacionalista Galego considera extremadamente grave e que xera un perigoso precedente, póndose en cuestión as máis elementais regras do xogo democrático".