Os ríos Fraga, Baíña, Quirincova e Groba, que cruzan o termo municipal de Baiona están a ser obxecto de tarefas de limpeza e mantemento por parte de Aguas de Galicia. Estas actuacións consisten en efectuar roza de maleza, poda de especies propias da ribeira e en xeral de toda aquela vexetación que irrompe de forma invasiva nas canles, especialmente dos ríos Fraga e Baíña, segundo informou a Concellaría de Medio Ambiente de Baiona, quen solicitou a intervención do ente autonómico . Os operarios tamén proceden á retirada de árbores que presentan risco de caída, revisan posibles desprendementos e eliminan todos aqueles elementos que poidan supor un obstáculo para o paso das augas.
Atendendo á solicitude do concello de Baiona, Augas de Galicia procede desde principios deste mes de novembro á limpeza, mantemento, conservación e mellora das marxes dos catro ríos que cruzan o termo municipal, Fraga, Baiña, Quirincova e Groba. Esta actuación abarca máis de 5 quilómetros de canle e prolongarase durante varias semanas.
O principal obxectivo da intervención, segundo indican desde a Concellaría de Medio Ambiente, dirixida por Angel Rodal, é evitar que se produzan "atascos e inundacións que prexudican a particulares e á contorna ambiental. Aínda que, ademais da citada, hai unha segunda parte moi importante para Baiona e trátase de manter en perfecto estado as pasarelas peonís ou sendas fluviais".
Desde a concellaría de Medio Ambiente, tamén invitan aos veciños a implicarse no coidado dos ríos, evitando arroxar elementos alleos aos arroios como poden ser electrodomésticos e outros obxectos de refugallo. "Todos debemos coidar esta importante fonte de riqueza", finaliza dicindo o concelleiro.