Unha excavadora da empresa EXTRACO rompeu por accidente unha das tuberías de suministro de gas cidade. A incidencia non revestiu de máis gravidade e non foi preciso desaloxar ningunha vivenda. O suministro quedou restablecido pasadas ás 13h. É a terceira vez que se produce un incidente similar en Baiona durante as obras de humanización.
Segundo informou Gas Natural, ás 12:07 recibiron o aviso do sinistro pola rotura dunha tubería de suministro na rúa Julián Valverde en Sabarís. Unha das retro-excavadoras da empresa EXTRACO que realizan as obras de humanización da Avda. Julián Valverde, reventou por accidente unha das tuberías principais ás 12h, o que provocou a saída a presión do gas.
O retén de emerxecias de Gas Natural desprazouse ate sabarís ás 12:20h e procederon ao corte temporal da fuga e á súa reparación. Por outra banda axentes da policía local de Baiona cortaron os accesos e a circulación na avenida ata asegurar a zona, que non requeriu de desaloxos.
Segundo confirma Gas Natural, a empresa EXTRACO dispuña dos planos de canalización de gas e mesmo os técnicos da propia empresa concesionaria deron indicacións expresas "insitu" durante as labores de replanteo das obras. Gas Natural cualificou o sinistro como un "incidente" de pouca gravidade.
Uns accidentes que van parellos ás obras de humanización en Baiona
O sinistro acontecido en Sabarís non é un feito illado e xa resulta algo común en todas as obras de humanización na vila real.
En abril de 2009 unha excavadora da empresa Roymer, encargada das obras de humanización da rúa Marqués de Quintanas, provocaba un accidente similar. Nesta ocasión a empresa concesionaria non solicitara os planos de canalización de gas para excavar e traballar cos protocolos de seguridade que impedían a utilización de maquinaria pesada nas zonas onde discurren as canalizacións.
En setembro de 2009, e tamén co gallo das obras de humanización na rúa principal de Elduayen, "un erro de cálculo" na profundidade de excavación provocou outra fuga gas. Neste caso, e en decalaracións aos medios, a concelleira de urbanismo Ana Simóns asegurou que a empresa concesionaria dispuña de todos os planos técnicos e mapas de canalización. O PSOE pola súa banda solicitaba daquela máis control neste tipo de actuacións.