-O Concello de Baiona entregou a título póstumo a medalla de Ouro a Manuel Fraga Iribarne.
-Na rúa, militantes da xuventude do BNG (Galiza Nova) manifestáronse en contra da homenaxe.
"Con Don Manuel aprendín que a política que non serve para unir é inútil" aseverou o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na súa intervención durante a entrega a título póstumo da medalla de Ouro ao ex presidente da Xunta e ministro de Información e Turismo franquista, Manuel Fraga Iribiarne, este martes no Concello de Baiona. A distinción foi recollida pola familia Fraga, en mans do seu fillo José Fraga Estévez. No mesmo intre, fóra do recinto, membros de Galiza Nova despregaban pancartas coa inscrición "Ningunha homenaxe a Fraga".
Durante o acto de entrega, Feijóo aseverou que Manuel Fraga legou un exemplo inigualable "e nós –afirmou- habemos ser fieis a ese legado, especialmente valioso para afrontar a situación actual". "Fraga é un manual de entender Galicia. Para querela e para erguela. Coma el, somos fillos dunha terra ás veces en dificultade; pero coma el, tamén podemos esforzarnos e lograr transformala".
O Concello de Baiona tiña decidida a distinción dende o ano 2000, pero daquela, o entón presidente da Xunta Manuel Fraga, desestimou recibila por razoes éticas, segundo informara recentemente o goberno local. Doce anos despois a resolución foi reactivada polo actual alcalde baionés, Jesús Vázquez Almuíña, en decisión que espertou críticas das agrupacións municipais opositoras.
"Unha festa a modo de fin de verán".
Durante a homenaxe, membros de Nova Galiza manifestáronse en contra do acto. Os nacionalistas afirman que o motivo de que se lle entregue 12 anos despois "non é que Fraga se negara a recibir galardóns, mentres fose presidente, como falsamente se está a difundir. O motivo principal polo que daquela Fraga non aceptara recibir a medalla, foi porque o PP non estaba na alcaldía naquela altura, malia o pactado co alcalde independente".
Nova Galiza sostén que "o PP no goberno municipal rescata esta polémica medalla para celebrar unha festa a modo de fin de verán cos seus afíns, ignorando a mínima ética e o destino dos cartos que custa esta celebración a necesidades máis importantes da mocidade de Baiona e a súa veciñanza."