As augas das praias de Ladeira e d'A Concheira manteñen a cualificación de "insuficientes" no mapa das zonas de baño de Galicia publicado este mes pola Consellería de Sanidade da Xunta malia que o concello segue calificando as augas como "aptas para o baño"
O concello de Baiona exponse a sancións económicas da Unión Europea se non soluciona o problema de contaminación nestes areais antes do ano 2015.
A pesar das melloras puntuais obtidas no último control microbiolóxico, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, confirmou a este xornal que segue vixente a obriga por parte do Concello de Baiona, de informar da prohibición ou recomendación de non bañarse en ditas praias, conforme o marca o Real Decreto 1341/2007.
Ante a consulta á dirección autonómica sobre as recentes manifestación por parte do Concello de Baiona en canto que a pesar do cualificativo de "insuficiente", as praias eran "aptas para o baño", o organismo respondeu hoxe que a nova normativa vixente non cualifica en "aptas" ou "non aptas" o estado das zonas de baño, senón a través dos niveis: "Excelente, Boa, Suficiente ou Insuficiente". No que respecta ás praias con este último resultado, as directivas das normas da Unión Europa así como as do Estado Español son claras no tocante a que teñen a obriga de informar ás persoas da recomendación de absterse do baño ou directamente prohibilo.
A tales efectos o departemento de Sanidade da Xunta conta xa con carteis oficiais que deben colocarse nos paneis informativos dos areais cara ao público, carteis que achega a tódalas administracións locais con xurisdición en praias cualificadas como "insuficientes".
Valminor.info percorreu esta mañá as controvertidas áreas de baño e constatou que a pesar de estar colgados os carteis indicativos da calidade das augas "insuficiente", nas follas de resultados microbiolóxicos publicados pola Concellería de Medioambiente do Concello de Baiona figura que a auga é "APTA PARA O BAÑO". Así mesmo constatouse que non figuran en ditos paneis as recomendación ou prohibición ao baño, que polo artigo Nº 12 do R.D. 1341/2007 deberían constar no mesmo panel.
Por outra banda, tampouco consta a "Advertencia al público interesado de la calidad insuficiente de las aguas de baño, las causas de la contaminación y de las medidas de gestión adoptadas" que obriga o apartado d) do inciso 3 do citado artigo Nº12 do R.D. 1341/2007. Norma que especifica que deberá colocarse "una señal sencilla y clara en la playa, con información de las causas de la contaminación y las medidas adoptadas".
Nese senso, a Dirección Xeral adiantou que de non variar a situación destas praias ao ano 2015, a Unión Europea podería aplicar sancións ás administracións responsables. Neste caso, ao propio Concello de Baiona, responsable directo da xestión medioambiental das praias.
Baiona incumpre a normativa ao calificar as augas como "aptas para o baño".
Ante as dúbidas dos bañistas pola presenza paradoxal dun cartel no panel informativo que indica "calidade insuficiente", e á vez unha circular do Concello de Baiona na que se indica "Auga apta para o baño" segundo o R.D. 1341/2007, valminor.info consultou a validez desta información ante os Técnicos da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública que sinalaron que a devandita norma non contempla o cualificativo de "auga apta para o baño" nas praias con valoración "insuficiente". Polo contrario o organismo autonómico reitera que na sinalización pública deben constar as directrices da norma, nomeadamente o artigo Nº12, coa recomendación de "absterse do baño ou prohibilo".
Por outra banda, manifestaron que os valores puntuais das análises microbiolóxicas só teñen valor estatístico a efectos da valoración anual que realmente é a que demarca a situación da calidade das augas do enclave. Nese senso exemplificaron que unha mostra tomada pola mañá podería variar ás poucas horas de provocarse un vertiquido na mesma zona.