Venres, 29 Mar. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona A oposición solicita un pleno extraordinario e urxente para deter as obras de humanización en Sabarís.

A oposición solicita un pleno extraordinario e urxente para deter as obras de humanización en Sabarís.

Correo-e Imprimir PDF

Os grupos municipais do PSOE, BNG e UPyD presentaron no Rexistro Municipal de Baiona unha solicitude cara á celebración dun Pleno Extraordinario e de carácter urxente co fin de paralizar a primeira fase da humanización da Rúa Julián Valverde en Sabarís. O escrito, redactado polos portavoces das tres agrupacións, foi entregado este mediodía, momentos antes dunha xuntanza informativa citada polo alcalde de Baiona, Jesús Vázquez Almuíña.

 

Isabel Domínguez Quintas, portavoz do PSOE, explicou a Valminor.info a necesidade desta sesión ante os graves prexuízos económicos e urbanísticos que implicaría para os veciños e comerciantes o inicio das obras nos próximos 15 días como o ten anunciado o alcalde.

A oposición cree conveniente deixar a fase de intervención para setembro, ocupando os meses de xuño e xullo en tarefas de planificación e previsións de servizos e materias. Feito que permitiría non prexudicar a tempada turística, esencial nas contas dos comercios e empresas locais.

No mesmo escrito, as agrupacións asinantes reclaman o ingreso dun representante de cada unha delas na Comisión de Seguimento das devanditas obras. A mesma, foi convocada días atrás polo alcalde baionés, citando a representantes dos comerciantes e empresarios de Baiona e Sabarís (ACEBA e COEMSA), un representante da empresa adxudicataria da obra (Extracto)e outro do propio Concello, deixando fóra á oposición.

Segundo informou a portavoz socialista, de seguir a normativa que regula estes plenos, o alcalde Jesús Vázquez Almuíña debería convocar unha comisión informativa do pleno a mais tardar a vindeira semana e a celebración do pleno podería estar dentro dos 15 días.