Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Multas de ata 3000€ para quen practique sexo ou realice obscenidades nos espazos públicos de Baiona.

Multas de ata 3000€ para quen practique sexo ou realice obscenidades nos espazos públicos de Baiona.

Correo-e Imprimir PDF
obsceno

Despois da solicitude da Asociación de Veciños do Casco Histórico de Baiona, o alcalde Jesús Vázquez Almuíña aprobará no vindeiro pleno municipal unha modificación da Ordenanza municipal de Convivencia Cidadá que prohibirá "todo tipo de actos sexuais e obscenos" na vía pública ou no interior de vehículos que se atopen en calquera espazo público, "sempre que ditos actos trascendan ou se perciban desde calquera ámbito público". A ordenanza non especifica que tipo de actos serán considerados "obscenos".

A norma considerará especialmente grave se estas prácticas se desenvolven a menos de 200 metros das zonas residenciais, centros de ensino, lugares de actividade comercial ou empresarial, así como espazos de "especial concurrenza". Tamén se castigará o exercicio da prostitución, tanto no caso das persoas que ofrecen como as que soliciten servizos sexuais retribuídos.

No caso de que axentes policiais atopen algunha destas incidencias deberán informar ás persoas involucradas "que ditas prácticas están prohibidas". En caso de non acatar a orde e negarse a afastarse do lugar, poderán ser multadas dende 200 a 700 euros. No caso de atoparse no radio de menos de 200 metros dos lugares anteriormente sinalados, poderán ser sancionados con multas de entre 1.501 a 3.000 euros.

A devandita norma, tamén prevé que os servizos sociais do Concello presten asistencia dentro das súas posibilidades ás persoas que se atopen exercendo a prostitución dentro do eido municipal.

O Concello asumirá a través desta ordenanza o compromiso de colaborar "intensamente na persecución e represión" do proxenetismo ou calquera outra forma de explotación sexual ", especialmente no relativo aos menores.