Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona Licítanse as obras de humanización da Rúa Julián Valverde en Sabarís que rematarán en 7 meses.

Licítanse as obras de humanización da Rúa Julián Valverde en Sabarís que rematarán en 7 meses.

Correo-e Imprimir PDF
concello_baiona

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras da primeira fase de humanización da travesía interior de Sabarís, en Baiona. A Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, destinará un orzamento de máis dun millón de euros para a execución deste proxecto. Estes traballos de humanización enmárcanse dentro do Plan Hurbe.. O prazo de execución destes traballos sé de 7 meses.

A actuación correspóndese coa Rúa Julián Valverde no tramo existente entre a rotonda do Ponte Romano e o cruce coa rúa Pereira Troncoso, 500 metros lineais. Os traballos pretenden a homoxeneización do treito desta rúa, convertíndoa nun espazo lineal e ordenado de carácter semipeonil, con espazos diferenciados nun só nivel. Redefínense as cualidades formais e construtivas da vía para transformala nunha rúa comercial, de paseo e estancia.

O proxecto segundo a Xunta, céntrase na organización do tráfico nunha banda de circulación cara Baiona e outra funcional que aloxará diferentes equipamentos como arboredo, colectores soterrados ou aparcadoiros. Crearase unha área axardinada que conecte o paseo marítimo e sirva de arranque a dita intervención urbana.

As obras contemplan accións como a demolición de pavimentos, escavación do terreo para a instalación de canalizacións e reposición da rede de abastecemento. Introducirase a rede separativa de saneamento e soterrarase o tendido eléctrico. Tamén se colocarán mobiliario urbano, sinalización horizontal e vertical, e árbores. A Consellería de Medio Ambiente e o Concello de Baiona asinaron o convenio o pasado 7 de xullo de 2010.