Mércores, 3 Jul. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Baiona A Xunta aproba o Plan Especial de Protección do conxunto histórico artístico do Concello de Baiona

A Xunta aproba o Plan Especial de Protección do conxunto histórico artístico do Concello de Baiona

Correo-e Imprimir PDF
casco_vello_baiona

A Xunta de Galicia aprobou onte o Plan especial de protección do conxunto histórico artístico do Concello de Baiona. O importe achegado polo departamento que dirixe o conselleiro Agustín Hernández ao municipio elevouse a 90.000 euros. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo trasladou onte ao concello o documento de aprobación, certificando que o proxecto ten un expediente administrativo completo e con todos os informes favorables.

O ámbito obxecto de aprobación implica unha superficie de 160.527 m2, no que se inclúen zonas como o núcleo mariñeiro do Burgo, a península de Santa Marta, as edificacións en liña no lugar de Sabarís, o núcleo do parque natural da Virxe da Roca, os núcleos das parroquias de Baíña, Belesar e Baredo, Monte da Peniza, Monte de Castro-Morade, a área da Porta do Sol, a edificación na Praza de María Carabal e o Mercado de Sabarís e as edificacións en Santa Cristina da Ramallosa.

A razón que xustifica a necesidade desta figura especial, a pesar de que este concello conta cunha declaración como conxunto histórico, é que Baiona non dispoñía dun documento de planeamento pormenorizado e axeitado ás súas características,afirman dende a Xunta, quedando as edificacións sometidas a unha ordenanza xenérica que en moitos casos non era a máis acertada para a mellora e revitalización do conxunto.

O conxunto de Baiona ten un valor intrínseco derivado do seu propio desenvolvemento histórico que deu lugar a unha trama urbana de interese, axustada ás condicións climáticas e ás necesidades de actividade do conxunto e a existencia dunha arquitectura civil valiosa, coa presenza de pazos ou casa nobres que se poden considerar monumentais, como por exemplo: a Cada de Mendoza ou a dos Correa, pero que alcanza unha coherencia e harmonía importante na arquitectura doméstica.

A Xunta de Galicia financia na actualidade 20 proxectos de plans especiais en cascos históricos, por un importe de máis de 3 millóns de euros. Esta liña de axudas posta en marcha o pasado ano pola Consellería de Medio Ambiente ten por finalidade preservar o patrimonio cultural de asentamentos de carácter histórico ou de singular valor arquitectónico dos concellos cunha poboación non superior aos 50.000 habitantes.